Entrevista ao secretario do Eixo Atlántico: “O presidente da UE debe ser elixido por votación universal directa”

Moi poucos dirixentes públicos falan tan clariño como o secretario do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Por exemplo, ás subvencións ás liñas low cost chámalle “animalada”. Como alternativam, propón unha dirección única e técnica para os tres aeroportos. A próxima reunión de alcaldes para Axenda Urbana na Coruña, as fendas no modelo da Unión Europa e a suposta competencia desleal de Portugal son outros dos temas desta conversa con Xoán Vázquez Mao, un dos maiores expertos galegos dos mecanismos políticos de Bruxelas.


|

Moi poucos dirixentes públicos falan tan clariño como o secretario do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Por exemplo, ás subvencións ás liñas low cost chámalle “animalada”. Como alternativam, propón unha dirección única e técnica para os tres aeroportos. A próxima reunión de alcaldes para Axenda Urbana na Coruña, as fendas no modelo da Unión Europa e a suposta competencia desleal de Portugal son outros dos temas desta conversa con Xoán Vázquez Mao, un dos maiores expertos galegos dos mecanismos políticos de Bruxelas.


O Eixo Atlántico organiza na Coruña o 15 de marzo o Foro de Lanzamiento do Plan de Acción da Axenda Urbana. Acudirán alcaldes e alcaldesas de cidades como Barcelona ou Guimarães. Que se debaterá nese foro?

A nosa axenda urbana é a primeira que se logra rematar en Europa, tras unha reunión que pechou o primeiro ministro de Portugal e asistiron 400 persoas. Nin a Comisión e a España non remataron a súa. Agora temos que concretar, temos o plano de acción global, e agora cómpre actuar a nivel local. E iso é o que imos a discutir na Coruña.


Presentación foro sobre plan de acción da Axenda Urbana do Eixo Atlántico.

Presentación do Foro sobre a Axenda Urbana na Coruña.


Que é daquela o Plan de Acción?

Un catálogo de actuacións e medidas a desenvolver polos concellos á carta. Nós propomos un conxunto de medidas na Axenda e cada concello escollerá aquelas de acordo coas súas posibilidades, prioridades ou programa do gobernante. O Eixo fai un catálogo de aplicacións prácticas e cada concello elixe as que quere aplicar.


Tanto en Galicia como no norte de Portugal un dos problemas máis grandes é o despoboamento do rural …

Eu diría máis ben do interior, porque Lugo capital é cidade e ten o mesmo problema.


En todo caso, que solucións se poden poñer en común aos dous lados da raia para deter esta eiva?

A solución é moi doada, repoboar. Para isto só hai dous métodos, o biolóxico ou de levar poboación xa existente. Ambos, teñen un elemento común: a xente vai onde pode traballar. Polo tanto, o primeiro problema a solventar é o dilema que dicía un alcalde: “non teño poboación porque non teño recursos e non teño recursos porque non teño poboación”. En segundo lugar, as condicións de traballo pasan polo investimento, as novas tecnoloxías (por exemplo por ter unha bota cobertura para poder traballar na casa no rural, o que non existe por máis propaganda e powerpoints que a AMTEGA presente, a cobertura en Galicia segue a ser unha porcallada), unha boa mobilidade (a xente ten que poder saír a ver os clientes, a facer a compra, etc.) e por último ten que haber recursos. Ninguén se vai ir ao Courel se non hai un centro de saúde ou os recursos elementais. Estamos a falar de centros de saúde para o rural, cando a cidade de Lugo pasa unha terceira parte do día sen hemodinámica! O mesmo goberno que quere lanzar medidas contra o despoboamento ten á capital do interior sen este servizo un terzo da xornada. É dunha incoherencia brutal.


Cal sería o primeiro paso a dar daquela?

O problema demográfico ten que ser acometido dende diferentes administracións e de xeito interdisciplinario. Non é un problema da Consellería de Política Social. O primeiro que tería que facer Galicia é crear unha Comisión Intedepartamental, presidida directamente polo presidente, na que ten que estar Educación, Sanidade, Mobilidade, Industria, Emprego etc.


Falando de emprego, nas relacións entre Galicia e o norte de Portugal debátese a miúdo sobre se as empresas galegas marchan ao Norte de Portugal en busca de chan máis barato ou …

É mentira, a deslocalización é mentira.


E logo?

Ademais, é unha escusa para ocultar a incapacidade de crear políticas.

Que é mentira que se marchen ou que se marchen porque o chan é máis barato?

O que é mentira é que se deslocalicen. Que haxa empresas galegas que invistan en Portugal é bo, e viceversa. Iso non é deslocalizar. Hai empresas galegas que invisten en todo o mundo, como Inditex e outras, e invisten en Portugal. Por que non vai ser así? Logo pode haber, pequenas que eu non chamaría nin empresas -porque eses non son empresarios- que sipoden ir a parques empresariais veciños a uns quilómetros da raia, a polígonos low cost, porque teñen uns custes menores, iso si pode ser. Pero isto é unha guerra que fan todos. Do Norte de Portugal tentan atraer empresas galegas e de Galicia a empresas portuguesas, e dun concello baixan os custos para atraer os do concello veciño …


Unha competencia lexítima,vaia.

Ben, lexítima, até certo punto. Para min isto é un problema derivado da falta de planeamento público, crearon polígonos low cost case que en todas as vilas. Claro, logo hai que enchelos. Si que é certo que hai microempresas, eu non lle chamaría nin empresas, que andan a saltar dun lado ao outro para pagaren menos salarios. Non é un problema tanto de chan, como de buscar condicións laborais peores. Pero isto non é o que se chama unha empresa.


Por que?

Vou poñer dous exemplos, Viana e Braga, dúas cidades que están a ver crecer o investimento porque crearon as condicións para que a xente fora investir alí. Cantas empresas galegas hai en Viana? Unha. O resto son americanas, asiáticas están empezando a chegar, francesas, alemáns... e en Braga o mesmo. Isto pasa porque Portugal ten unha boa política industrial e Galicia non ten política industrial, nin boa nin mala. Portugal ten infraestruturas e un aeroporto que concentra unha oferta de mobilidade impresionante. Teñen portos cunha presidencia única, como Viana e Porto, polo que dificilmente compiten entre eles. E a presidenta é unha enxeñeira, e non unha política que lle dan ese cargo sacala da circulación ou para compensala.


Daquela os incentivos lusos ao chan empresarial ...

En Portugal os incentivos que están dando son incentivos de fondos europeos! Porque en Galicia sempre sae algún dicindo que hai que denuncialos diante da UE. Pero por que Galicia non dá eses incentivos? Porque ao mellor en Galicia non se decataron de que existen eses incentivos e non os tramitan? Imos deixarnos da carallada da deslocalización. Que ten Galicia? Porto seco? Cero. Vías de ferrocarril? Cantas puxo o presidente enriba da mesa do Ministro de Fomento? Saída sur de Vigo? Non a puxo. Se temos os portos e os aeroportos divididos e loitando entre si, mala cobertura tecnolóxica, non temos portos secos … daquela cal é o atractivo industrial de Galicia?


Incidamos no asunto dos aeroportos. Hai uns anos a Xunta lanzou aquela iniciativa do aeroporto único. Pasado o tempo, podemos dicir sen medo equivocarnos que aquelo fracasou, os aeroportos galegos seguen a competir a morte entre eles. Que fallou?

Varias cousas. Non se pode plantexar tres contra un. O que temos que plantexar e se temos catro, poñámonos en rede. E se confrontas tres contra un, polo menos non aspires a que os tres teñan o mesmo movemento que Porto, porque incluso os tres sumados non dá. Aquelo foi máis unha cuestión de marketing da Xunta, unha vez máis, non había un proxecto político detrás. Algúns que o apoiamos, porque cremos nese modelo, quedámonos sós. Eu sigo a defender ese modelo. Na Eurorexión ten que haber dous aeroportos, un en Porto e outro en Galicia. O de Galicia, unha vez que hai tres terminais construídas, terá que estar unificado baixo unha única dirección. Igual que Heathrow ten tres terminais, pois o de Galicia terá que ter a T1 na Coruña, a T2 en Vigo e a T3 en Santiago. Funcionar en rede e baixo unha mesma dirección para captar vos en vez de poñernos paus nas rodas uns aos outros. O modelo inglés di que os aeroportos estratéxicos son do goberno e o resto están xestionado por unha serie de consorcios participados polos concellos e os empresarios. Ao mellor en España non sería malo que os grandes foran nacionais e que os medios como os galegos estivesen xestionados con participación dos axentes locais, como empresarios e concellos. O que pasa nun aeroporto ten moita importancia para unha cidade pero non poden participar na súa xestión. Como consecuencia, os alcaldes lánzanse a unha carreira en paralelo para lograr que o seu sexa o mellor; financiando voos con fondos públicos, o que é unha auténtica animalada, camúflase o problema e non se solventa. Por último, cabe outra posibilidade, un aeroporto central en Santiago público e que se privatizasen Vigo e Coruña.


Que se privatizasen Peinador e Alvedro?

Para que foran aeroportos máis ligados ás empresas. Privatizar obrigaría á empresa que o xestionase a captar vos porque ese é o seu negocio. Isto non afecta aos prezos dos voos, porque se son máis caros non os captan. Afecta a saber negociar, a saber vincular os vos coa pesca de Vigo ou con Inditex en Coruña. Os aeroportos privados non soen traballar coas liñas de baixo custo, que a miúdo basean o seu modelo de negocio na exención das taxas. Que nos interesa máis en Vigo? Ter uns avións de Ryanair que podemos coller tamén en Santiago ou que volva o avión de Airfrance que nos solventama moitos problemas de conectividade? Os destinos de Ryanair non soen ser destinos de traballo. Eu para irme de vacacións, podo ir a Lavacolla. En cambio, Citroën en Vigo aínda saíu o outro día que estaban a negociar reimplantar o voo a París porque estáballe a crear moitos problemas ir a Santiago ou Porto a coller o avión.


Falando da Unión Europea, asistimos hai nada aos resultados das eleccións en Italia con un triunfo dos euroescépticos. E non é o primeiro resultado así, por exemplo o Brexit. Este sentimento euroescéptico dáse tamén en Galicia?

Non. Primeiro hai que diferenciar dous elementos que parecen similares pero son totalmente distintos; un son os populismos e outro o desencanto. Os populismos xorden case sempre en época de crise, como nos pasou e como consecuencia da falta de liderados. Isto non pasaba na Europa que lideraban Kohl, Mitterand, González … En crise, os populismos bótanlle a culpa aos máis débiles, aos refuxiados, aos que foxen da guerra, aos xudeus, sempre se busca un culpábel de todos os males. Afortunadamente, en Galicia non hai un problema de populismos pero si hai certo desencanto. Está motivado polos dous cancros da UE.


E cales son eses dous cancros da Unión Europea?

O primeiro é a falta de autonomía como proxecto político. A UE no fondo non deixa de ser un pacto de primeiros ministros. Mentres non poidamos votar directamente ao presidente da UE, a UE non deixa de ser un pacto de primeiro ministros nos que cada un defende os seus intereses. Ao final isto leva ao desencanto, porque os primeiros ministros están moi implicados cos lobbys de poder económicos. Un exemplo, a política de España coas eléctricas o a loita que tivemos que emprender para rematar co roaming. Agora, por desgracia moitos gobernos son elixidos polos cidadáns pero defenden os intereses dos lobbys de poder.


E cal é o segundo cancro?

Os eurócratas. Se a UE non ten unha personalidade propia, senón ten un proxecto político, un liderazgo … os eurócratas tiran cada un polo seu e prodúcese o desencanto.


Vazquezmao


Cal pode ser a solución a este desencanto?


O primeiro máis Europa. Acometer unha refundación do proxecto europeo. Neste sentido, a saída do Reino Unido máis que unha debilidade pode ser unha fortaleza porque eles eran os que se opuñan sempre a todo isto. A partir de aquí, facer unha verdadeira Constitución Europea, que non foi o que se fixo, e como consecuencia que o presidenta ou presidente sexa elixido por votación universal dos europeos. Algo avanzamos, porque agora os partidos cando se presentan as eleccións levan candidato, pero temos que ir á elección directa para que o presidente de Europa teña lexitimidade moral sobre os estados para defender as súas políticas. 

1 Comentarios

1

Por fin unha político que lle chama as cousas polo seu nome. Máis fan falta así.

escrito por Magnus 13/Mar/18    08:25 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE