Goretti Sanmartín: “Sen mulleres o mundo non anda”


Entrevistamos á vicepresidenta da Deputación da Coruña. Ademais da folga feminista, falamos, entre outros temas, da estratexia electoral do BNG cara os comicios locais, das relacións co PSOE e da recuperación do Pazo de Meirás.


|

Entrevistamos á vicepresidenta da Deputación da Coruña. Ademais da folga feminista, falamos, entre outros temas, da estratexia electoral do BNG cara os comicios locais, das relacións co PSOE e da recuperación do Pazo de Meirás.


Vostede fará folga o #8M?


Si, claro.


E logo por que?


Hai razóns máis que suficientes para estar en folga, para non participar en ningún acto público institucional e acudir ás concentracións que se organicen para ese día. Entendo que xa era hora de que houbese unha reacción máis contundente por parte das mulleres. Ano tras ano repítense os mesmos datos de perdas de de dereitos, fenda salarial, violencia … Era hora de dar un portazo e falar claramente de que non queremos outro mundo no que as políticas de igualdade sexan centrais. Unha boa maneira de reivindicalo é facer unha folga e que non sexa só laboral. Que sexa unha folga de coidados e de consumo, que poñamos en evidencia que o mundo sen as mulleres non anda.


2017122612141869029


Quen parece que non vai facer folga é Miguel Tellado, o voceiro do PPdeG, alegando que é unha folga pensada só para os mulleres …


É un argumento absolutamente surrealista porque en realidade ao PP non lle gusta esta folga e non vai traballar para que se cumpran as nosas reivindicacións porque é unha folga que, como ben se sabe, busca un protagonismo feminino e que os homes que queira facer folga poden facela atendendo aquilo que normalmente sustentan as mulleres. Así evidenciase que moito do camiño que recorremos nestes anos as mulleres entrando nas esferas do público e do laboral, non foi recorrido no sentido inverso por parte dos homes. Non foron capaces de entrar no privado, nese mundo necesario da conciliación, deixando espazo para as mulleres. Moitas veces cando vemos fotos da política, da economía e da banca, seguimos sen ver mulleres nos estadios máis altos. Por que non as vemos? Por que os homes non recorreron o camiño inverso. Daquela, se Tellado tivese algunha conciencia feminista, sabería da importancia de que os homes sexan copartícipes de toda a esfera do persoal, do coidado e da conciliación.


No fondo isto ten que ver co principal problema de fondo de Galicia, que é o avellentamento da poboación …


Entendemos que hai un número importante de mulleres que non poden ter máis fillos porque é imposible mantelos, traballar e conciliar cun servizos de atención tan miserábeis. Respectando a decisión de cadaquén de ter fillas ou non. Tamén ten que ver coa emigración, porque as condicións de vida noutros países permítenche outro tipo de recursos para ter descendentes. O PP o que busca son escusas para non facerse cargo das demandas que están enriba da mesa. Son demandas demasiado profundas para que as entenda xente sen formación ou que non ten ningún interese en se formar no que significa o mundo feminista, un mundo distinto …


Ben, hai alguén no PPdeG que si parece que ten interese na folga, sorprendentemente, Manuel Baltar. A Deputación de Ourense vai por libre e si que apoia o paro …


Hai un interese de Baltar por sumarse ao carro. Se alguén se converte e se agora está disposto a facer políticas feministas, pois estupendo, calquera persoa pode facelo. Pero o certo é que a traxectoria de Baltar non indica que el teña un compromiso neste sentido. A súa traxectoria está moi lonxe da dunha persoa con sensibilidade feminista.


O espolio do Pazo de Meirás fíxose cun contrato ficticio susceptíbel de ser anulado, de acordo co informe xurídico elaborado por Xabier Ferreira encargado pola Deputación da Coruña e que vostede presentou a pasada semana. Vale, hai un informe xurídico que abre unha vía xudicial. Pero que posibilidades reais hai de que isto sirva de xeito práctico para que o Pazo volva a ser do público?


Estamos moito máis preto de recuperalo. O informe xurídico abriu un camiño que até o de agora non se sabía. Meirás foi agasallado a un Xefe de Estado, e polo tanto iso pertence a un patrimonio público. Agora sabemos que se pode seguir esta liña para recuperalo. Ten que haber dabondo vontade política para que as administracións se movan. Pero eu creo que hai suficiente clamor social para que o fagan. Sería magnífico que houbese un acordo unánime ao respecto, Xunta, Deputación, Concellos … que todos rememos no mesmo sentido. Será nun futuro máis ou menos próximo, dependendo do que pase nos xulgados, pero estamos moito máis preto de que o Pazo sexa público.


Daquela a estratexia é levar o asunto a Xustiza e non pagarlle á Familia Franco para recuperalo?


Ten que ir pola vía civil xudicial, que se determine que houbo unha simulación de compra - venda. Como o pergamiño do ano 38 demostra, foi unha cesión ao Xefe do Estado. Como tal, isto pasa a ser patrimonio do Estado, patrimonio público. Ningunha administración debe por enriba un só euro.


E como inflúe que a Familia Franco teñan en venda o Pazo?


Teñen un nerviosismo moi grande porque eles son conscientes que esta resposta social e institucional vai en serio. Eles saben que tanto polo estudo histórico que como polo libro de Carlos Babío e Manuel Pérez, que levan décadas traballando e achegando documentación nun esforzo que hai que aplaudir, agora dispomos dun relato histórico que ninguén pode pór en dubida. Eles coñecen ese relato e puxéronse nerviosos por iso deciden desfacerse deste ben canto antes. Por iso tamén hai que advertir a futuros compradores que saiban os problemas xudiciais que poden concorrer.


E cre que realmente o PP vai en serio en recuperar a titularidade pública do pazo?


Debería haber máis axilidade. No seu momento puideron facer máis por activar o proceso. Con todo, estamos nun intre no que creo o PP está pola labor de recuperar o Pazo, porque hai unha labor previa e informes que o facilitan e nas súas filas hai xente que sabe que é un escándalo absoluto o que está pasando, tanto co Pazo como coas estatuas do Mestre Mateo de Abraám e Isaac.


Falando de política provincial, entramos na recta final da lexislatura. Vostede lidera a parte nacionalista dun bipartito co PSOE. Como valora este pacto de goberno, tendo en conta das tensións vividas no seu día, por exemplo, na Xunta e na Deputación de Lugo?


Teño que recoñecer que todo o mundo estaba esperando polo intre no que saltasen as chispas; pero non houbo tensión nin de portas para fóra nin de portas para dentro. Se cadra foi pola experiencia doutros bipartitos. O equipo do BNG tiñamos moi claro cal era o acordo e a onde queriamos chegar e o camiño para facelo. Definimos por escrito as liñas de traballo e nese sentido o que fixemos foi ir cumprindo o acordo de goberno. Nalgúns casos con moita fortuna, como no caso do Plan de Obras e Servizos, que é unha ferramenta magnífica para os concellos. Noutros casos conseguindo menos, como é o caso das transferencias da Xunta ... porque a Xunta négase en rotundo a falar deses temas. Pero tiñamos claro cal era a folla de ruta. Hai reunións semanais nas que discutimos a que acordos queremos chegar.


E até que punto é importante nun bipartito que haxa boas relacións persoais entre os gobernantes?


É moito máis importante ter claro o que queres políticamente dende o principio. Iso supón o 80%. As relacións persoais tamén contribúen, pero menos, se tes claro os obxectivos políticos dende o inicio. Ás veces fanse acordos dun xeito precipitado, sen saber para que, e non foi caso. Por iso temos un resultado moi positivo. Eu creo que todo o mundo dende Concello e entidades ve que algo se moveu.


Vostede chegou ao Goberno da Deputación tras unhas eleccións locais negativas para o BNG, pero os resultados das últimas autonómicas dánlle esperanzas á fronte tamén a nivel municipal de cara aos comicios de 2019?


Creo que hai unha valoración positiva do que está a facer o goberno da Deputación pero logo as eleccións xóganse nos concellos. Hai concellos que son referencia que están facendo políticas magníficas e naqueles lugares nos que o BNG está na oposición estamos a facer unha oposición construtiva, como é o caso de Santiago de Compostela. Ninguén pode dicir que nos asuntos importantes non puxésemos por diante os intereses dos veciños por diante dos partidistas, apoiando os orzamentos e facendo posíbel que determinados aspectos saísen adiante. Eu creo que isto vai significar que o BNG vai ter uns bos resultados nestas eleccións locais. Logo a reedición de pactos vai depender de moitos factores.


Vostede tamén é concelleira en Santiago. Valore a labor do Goberno de Compostela Aberta.


Necesita mellorar, tamén é certo que, se cadra, comezou dunha maneira moi negativa, sen saber, con persoas sen experiencia; e logo foron mellorando nalgunhas áreas. Nalgúns temas daríalles un aprobado raspado, pero tamén porque hai que ter en conta o contexto, de onde vimos, dunha etapa con goberno do PP absolutamente desastrosa. Fronte a iso, unha certa normalidade democrática recuperouse. Pero hai moitas cousas do día a día que funcionan mal.


Poña un exemplo.


Non se gastan a maior parte dos cartos en investimentos. De cada cen euros que hai para investir na cidade 75 non se gastan. O grao de execución é baixísimo. Tamén temos servizos en situación de irregularidade e pregos como o do transporte que levan moitísimo atraso. E logo o tema da depuradora, que podemos perder os fondos europeos. Hai moitos elementos no día a día que deberían ter unha xestión moito máis rápida.


En Compostela Aberta non houbo convulsións internas, que si houbo noutras mareas urbanas. O BNG ve algunha oportunidade de chegar a algún acordo preelectoral cos elementos nacionalistas que nos últimos comicios locais se integraron no espazo das mareas, ás veces sen éxito?


Nós temos claro a nosa folla de ruta. Ten que haber un espazo nacionalista, que ten que ser democrático con pluralidade de forzas e perspectivas. Calquera persoa que teña como interese que haxa unha forza nacional e nacionalista, que teña esa visión de país, por riba do modelo particular que teñamos para unha certa cidade, poden participar connós. O BNG ten agora mesmo unha gran cohesión. Hai xente que se está a volver a afiliar e volve a ver ao BNG como referente.


Está claro que o BNG vaise presentar coas súas siglas, mantendo a súa identidade. A pregunta é se eses nacionalistas que puideron ter malas experiencias nalgunhas mareas locais poderían dialogar para coaligarse co Bloque.


Nestes intres o espazo político das mareas ten que aclarar cal vai ser a súa postura cara as municipais. O Bloque teno claro, necesitamos unha forza nacional e nacionalista. O resto do espazo, terá que aclararse. É a súa decisión.

relacionada As políticas galegas irán á folga feminista?

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE