Instan a Patrimonio Nacional a iniciar a recuperación do Pazo de Meirás
A Deputación da Coruña instará a Patrimonio Nacional --organismo público, dependente do Ministerio da Presidencia-- para iniciar o proceso pertinente para recuperar o Pazo de Meirás como ben público.
Tras analizar as conclusións do informe xurídico sobre este inmoble encargado pola institución provincial, o Xunta Prol Devolución do Pazo de Meirás resolveu que ten que ser Patrimonio Nacional quen reclame a recuperación do inmoble que pasou a mans de Franco.
Esta decisión, comunicada nunha rolda de prensa na que interviñeron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a vicepresidenta, Goretti Sanmartín; así como os expertos, prodúcese despois de que unha das conclusións do documento xurídico apreciase unha "venda simulada" deste inmoble a Francisco Franco, o que avalaría a "nulidade" deste contrato.
Por iso, tras analizar o informe, Goretti Sanmartín avanzou que convocarán unha reunión extraordinaria da xunta de portavoces do organismo provincial para acordar unha moción na que insten a Patrimonio Nacional a iniciar o proceso de recuperación do Pazo de Meirás.
A institución quere trasladar a petición de forma directa ao presidente do Consello de Administración do Patrimonio Nacional, con quen solicitará reunirse para "adiantarlle as conclusións" do informe. Así mesmo, pretende reunirse co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, así como coas forzas políticas con representación na Camara galega para presentarlles este informe e conseguir apoios para a súa demanda.
"CONSENSO" POLÍTICO
Respecto destas accións, a vicepresidenta da Deputación móstrase "optimista" con que haxa "consenso" entre as forzas políticas e así poder iniciar canto antes a recuperación do Pazo.
"Partimos de indicios sólidos", asegurou en relación ás conclusións do informe, que destaca que o contrato de compra-venda foi "simulado" para "garantir" que o inmoble pasase a pertencer a titulo persoal a Franco. Desta forma, apuntan os expertos, evitábase que o inmoble quedase no Patrimonio Nacional, en alusión á Lei de Patrimonio Nacional aprobada en 1940, que establecía os bens que correspondían ao mesmo.
E é que, segundo o documento, o proceso de compra-venda baseouse nunha "escritura ficticia", feita no ano 1941, despois de que Franco aceptase en decembro de 1938 a doazón do inmoble realizada en marzo dese ano. "Este informe abre unha porta á esperanza da recuperación para o patrimonio público dun ben de interese cultural", sentenciou o presidente da Deputación da Coruña.
Escribe o teu comentario