O Museo de Pontevedra inaugura o venres a primeira exposición comisariada por nenos
'A beleza oculta' poderá visitarse ata o 11 de marzo. Pretende achegar a arte ao público máis novo.
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá desde o vindeiro venres, día 16 de febreiro, 'A beleza oculta', a primeira mostra comisariada por nenos e nenas. A exposición poderá visitarse ata o 11 de marzo.
En concreto, trátase dunha iniciativa, coordinada polo colectivo Taller Aberto e polo gabinete didáctico do Museo, que pretende achegar a arte ao público máis novo dunha forma activa e consciente.
Diso informou a Deputación de Pontevedra, que destaca que, desde o pasado mes de outubro e en sesións semanais, un total de 13 nenos participaron no primeiro programa educativo destas características que acolle este museo.
'A beleza oculta' mostrará 18 pezas escollidas dos fondos permanentes do museo polos 13 participantes. A mostra foi incluída no programa de exposicións temporais do ano 2018 do museo e será inaugurada o vindeiro venres.
Escribe o teu comentario