O SLG advirte que “están en xogo” as axudas para centos de granxas de Vilalba
Un erro no cobro do IBI de 2015 pon en risco o acceso de centos de agricultores e gandeiros ás axudas da PAC.
O Sindicato Labrego Galego emitiu unha solicitude ao Concello de Vilalba para organizar unha reunión urxente cos que, segundo o comunicado do SLG, “son os responsables de xestionar os erros masivos producidos polas revisións catastrais de 2015”. Este problema, que afecta por centos de granxas, obriga a pagar aos agricultores e gandeiros os atrasos do IBI do devandito ano por 1.200 inmobles, segundo os cálculos do sindicato. Unha obrigación, como denuncia o escrito, que en 2015 non existía, xa que se puxo en vixencia o 1 de xaneiro de 2016.
“Así llo transmitimos no seu momento aos responsables municipais, solicitándolles que o Concello dese orde á Deputación de Lugo para paralizar estas cartas de pago” afirman desde o sindicato. Ademais, no escrito solicitaban a corrección dos expedientes aos que se lle reclama a débeda por parte da Xerencia Provicial do Catastro. Do mesmo xeito, na misiva piden unha entrevista con Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, e con “os responsables desta área no consistorio”.
“Polo momento non obtivemos resposta oficial e as informacións que nos chegan (que se vai a revisar a situación caso por caso) sabémolas grazas aos medios de comunicación” lamentan desde o SLG. Ante a falta de novidades, o sindicato decidiu solicitar unha nova reunión para recibir información actual sobre a causa, ademais de información sobre o que deben facer os afectados polos erros no coro do IBI, xa que de non emendarse a débeda, corren risco de non poder acceder a determinadas axudas da Política Agraria Común (PAC), básicas para as economías galegas de Vilalba.
Escribe o teu comentario