Identifican os dous presuntos autores dun tiroteo en Camiño Real
A Policía aínda non deu con eles. Unha muller resultou ferida no estómago e está no hospital.
A Policía aínda non deu con eles.
O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, confirmou este martes que a Policía Nacional xa ten "identificados" os dous autores dun tiroteo en Camiño Real, na capital luguesa.
O suceso tivo lugar na madrugada do venres ao sábado, sobre as 5,00 horas, cando comezou unha discusión nun local de ambiente latino e, posteriormente, a disputa se trasladou á rúa. Xa fóra, un dos homes que participaba na rifa, armado cunha pistola, efectuou varios disparos, que feriron a unha muller no estómago que supostamente discutía cos presuntos autores. Todo apunta a un axuste de contas relacionado coas drogas.
Carballo sinalou que a Policía "segue a investigación para esclarecer os feitos e, polo momento, xa ten identificados a dous individuos que participaron no tiroteo". Con todo, polo momento "non os puido deter ao non dar con eles no seu domicilio", abundou.
"Vai seguir traballando para tratar de localizalos e detelos. Ademais séguese tomando declaración a máis testemuñas, e tratarase de tomarlle declaración á muller (ferida que segue no HULA) que está ingresada. Tamén se visionarán varias gravacións de establecementos da contorna por se poden achegar algún dato máis", concretou. O tiroteo mobilizou a distintas patrullas policiais que rexistraron varios locais esa madrugada.
Escribe o teu comentario