Soben a 600 as incidencias por neve e xeo, con dificultades para circular
Segundo a AEMET, Ingrid comezará a desprazar cara ao Cantábrico nas próximas horas, pero Galicia continuará baixo aviso amarelo en interior e zonas de montaña até polo menos o domingo
A borrasca 'Ingrid' causou máis de 600 incidencias en Galicia nas últimas 48 horas, con Ourense e o sur de Pontevedra entre as zonas máis afectadas. O paso desta borrasca, que puxo a boa parte do noroeste peninsular en alerta durante os días 23 e 24 de xaneiro, complicou o tráfico, deixou estradas cortadas puntualmente e obrigou a intervencións constantes dos servizos de emerxencia.
Segundo os últimos datos do 112 Galicia, entre o venres e o mediodía do sábado contabilizáronse 612 incidencias, 89 delas rexistradas nas primeiras horas deste sábado. As dificultades máis importantes concentráronse nas provincias de Pontevedra, con 210 avisos, e A Coruña, con 189, seguidas de Ourense (129) e Lugo (82).
Neve e xeo bloquean camiños no interior
En municipios de montaña como Viana do Bolo, Montederramo ou Calvos de Ramuín, varias persoas tiveron problemas para saír das súas vivendas pola neve acumulada. En Bande, onde o concello habilitou un teléfono de emerxencia, as brigadas locais e máquinas quitaneves traballaron sen descanso para abrir camiños e garantir o acceso ás aldeas.
En Chandrexa de Queixa, segundo confirmou o seu alcalde, Francisco Rodríguez, o municipio chegou a quedar incomunicado pola mañá e só a intervención de voluntarios de Protección Civil permitiu restablecer a comunicación. As autoridades locais non descartan que a situación se repita si as temperaturas volven caer durante a tarde.
En Ourense, a sensación térmica en moitas zonas baixou por baixo de cero graos, con tramos de estradas xeados e risco de placas de xeo en accesos secundarios, segundo os avisos actualizados de Meteogalicia e a DXT.
Accidentes menores en Vigo e na AP-9
Nas últimas horas tamén se produciron varios accidentes de tráfico relacionados coa auga na calzada e a saraiba, especialmente na área de Vigo. Ás 11.20 horas deste sábado, un condutor perdeu o control do seu vehículo na #AP-9, á altura do barrio de Teis, tras sufrir aquaplaning por unha bolsa de auga. Pouco despois, outro sinistro similar rexistrouse na mesma autoestrada, no tramo de Cabral. Ningún dos dous deixou feridos.
En Moaña, unha colisión en cadea na estrada CG-4.1, con catro vehículos implicados, tampouco causou danos persoais. A Policía Local atribúe o accidente á saraiba caída momentos antes. En total, 51 das incidencias comunicadas este sábado debéronse á presenza de neve, xeo ou saraiba na vía.
Árbores caídas, postes e derrubes
Ademais dos problemas de circulación, a borrasca Ingrid provocou a caída de árbores, ramas e postes eléctricos, así como pequenos derrubes en distintos puntos do territorio galego. O 112 contabilizou 186 incidencias deste tipo, xunto con 62 por restos de liñas eléctricas, 53 por obxectos arrastrados polo vento e 18 derrubamentos.
As autoridades recomendan prudencia e seguir as indicacións dos servizos de emerxencia ante a posibilidade de novas xeadas nocturnas. Segundo a AEMET, Ingrid comezará a desprazar cara ao Cantábrico nas próximas horas, pero Galicia continuará baixo aviso amarelo en interior e zonas de montaña até polo menos o domingo.
Nas últimas horas non se rexistraron feridos graves, pero o temporal deixa tras de si un intenso labor de limpeza e prevención en toda a comunidade.
Escribe o teu comentario