Olaia Ledo non será cabeza de lista do BNG en Narón para as municipais de 2027

A actual portavoz renuncia nunha decisión que, asegura, é "persoal e moi reflexionada".


|

Olaia ledo
Imaxe de arquivo de Olaia Ledo, no centro da imaxe | Foto: BNG


A actual portavoz municipal do BNG en Narón (A Coruña), Olaia Ledo, anunciou na mañá deste venres en rolda de prensa, no Concello, que non continuará como cabeza de cartel da formación nacionalista nas próximas eleccións municipais de 2027. A decisión, cualificada como "moi reflexionada" e de carácter "persoal", abre agora un proceso asembleario e democrático para a elección dun novo candidato ou candidata.

Ledo, quen ademais de ser portavoz municipal é membro da Executiva Nacional do BNG como coordinadora de Ecoloxismo, asegurou que a decisión busca a fortaleza do proxecto a longo prazo.

"Sempre dixen que calquera persoa da nosa candidatura podería estar no meu lugar e sigo pensando o mesmo", detallou a nacionalista.

"O proxecto continúa, e seguiremos traballando para gañar xa que somos moi conscientes de que somos a única alternativa de goberno cun proxecto claro", declarou Olaia Ledo, que detallou que esta formación pasa polo seu "mellor momento da historia", tanto en número de militancia como en votos e porcentaxe de apoio, unha fortaleza que debe aproveitar para o proceso que se abre.

"Nós non vimos vivir da política senón a transformar a realidade e comprométome a loitar polo mellor Narón co mesmo esforzo e ilusión só que a partir de 2027 desde outro lugar", engadiu.

 

COMUNICACIÓN Á MILITANCIA 

O anuncio de Ledo foi comunicado previamente á militancia nunha asemblea local celebrada na noite deste xoves. Marta Grandal, responsable local do BNG, expresou o agradecemento da formación cara a Ledo, destacando que é "necesaria" e "imprescindible" e que seguirá traballando con "toda a forza pola nosa localidade e polo país".

Desde o BNG naronés anúnciase que o proceso para escoller ao próximo candidato ou candidata será asembleario.

Ledo concluíu que o BNG está enfocado en "ser a maioría que transforme Narón", un obxectivo que require "moito traballo desde a rúa e as institucións", abrindo con este paso unha nova etapa para o proxecto na cidade. 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE