A DXT inicia este luns unha campaña especial de vixilancia de camións e autobuses en Galicia
Estenderase até o domingo e prestará atención ás condicións técnicas, a velocidade ou a seguridade da carga transportada
A Dirección Xeral de Tráfico desenvolverá desde este luns unha campaña especial de vixilancia de camións e autobuses en Galicia. Os controis realizaranse até o domingo día 19 de febreiro.
Segundo destacou a Delegación do Goberno, os axentes farán especial incidencia en verificar aspectos como as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo, así como o seu peso, o acondicionamento da carga, o estado dos pneumáticos ou o axeitado funcionamento da iluminación.
Realizarán ademais verificacións de carácter administrativo, coa examinación da documentación do vehículo e o permiso dos condutores, comprobarán os tempos de condución e descanso, así como o consumo de alcol, ademais de vixiar a velocidade e o mantemento da distancia de seguridade.
A Delegación explicou que esta campaña ten unha especial incidencia en Galicia debido ao volument de liñas de transporte regular de viaxeiros, transporte escolar e de mercadorías que diariamente circulan polas estradas da Comunidade.
Segundo datos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a xaneiro deste ano en Galicia hai 15765 empresas autorizadas para realizar ambos os tipos de transporte, maioritariamente loxísticas de mercadorías.
Do mesmo xeito, detallou que soamente en Galicia o transporte público de viaxeiros move 2,5 millóns de viaxeiros ao mes, ao que habería que sumar os viaxeiros de buses urbanos, rutas escolares e transporte discrecional, o que elevaría significativamente esta cifra.
En Galicia faleceron durante 2022 tres persoas debido a accidentes relacionados con camións e outras sete persoas nun accidente de autobús producido o día de Noiteboa en Cerdedo-Cotobade.
CAMPAÑA ANTERIOR
Durante o seguintes día de duración desta mesma campaña o pasado ano, entre o 7 e o 13 de febreiro, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlaron en Galicia a 3.108 camioneiros e 187 autobuses.
En todos estes controis resultaron denunciados 759 condutores de camións e 22 de autobuses por non cumprir algúns dos preceptos da normativa de tráfico e seguridade viaria. Estas denuncias materializáronse en 1.067 sancións relacionadas cos camións e 27 vehículos aos autobuses.
As denuncias por exceso de horas de condución, seguidas por aquelas relacionadas con irregularidades administrativas na documentación ou por exceso de peso e mala disposición da carga, son as máis relevantes.
Escribe o teu comentario