O uso da rede entre persoas de 65 a 74 anos crece en Galicia o dobre que a media estatal
Os usuarios de Internet deste grupo de idade xa son máis do 70% en Galicia
Os usuarios de Internet de entre 65 e 74 aos alcanzaron en Galicia o 70,5%. Isto significa unha subida dun 8,5% nos últimos 12 meses, o que supón o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2%.
Segundo explicou a Xunta de Galicia nun comunicado, trátase do incremento máis significativo rexistrado no útimo ano "no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso á tecnoloxía".
Destacan ademais o incremento progresivo de internautas neste trato de idade na comunidade galega. Hai seis anos, en 2017, as persoas que utilizaban internet de entre 65 e 74 anos situábase nun 27,9%.
Os galegos de entre 16 e 34 anos superan, pola contra, a media do estado no uso habitual da rede e nas compras online. O 98,3% dos nenos galegos de 10 a 15 anos empregan o computador e sitúanse á cabeza no uso deste equipamento TIC no ranking por comunidades autónomas: 5,2 puntos por encima da media estatal.
O 95,6% destes nenos usaron internet nos últimos tres meses, tamén por encima da media estatal. Son parte dos últimos datos publicados polo INE sobre o equipamento e o uso do TIC nos fogares en 2022.
No que respecta ás compras en rede, un 50,5% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de internet nos últimos tres meses. No tramo de idade dos 16 aos 34 supérase a media do Estado en máis de cinco puntos porcentuais, xa que o 68,8% de galegos de entre 16 e 24 anos compraron por internet nos últimos tres meses, e o 78,3% dos de 25 a 34 anos.
As actividades máis realizadas no tres últimos meses están relacionadas coa comunicación, realizadas polo 90,8% dos galegos de entre 16 e 74 anos, así como recibir ou enviar correos electrónicos (77,5%), buscar información sobre bens e servizos (76,7%) ou ler noticias de xornais ou revistas de actualidade online (76%).
No ámbito da saúde, a Xunta remarcou a elevada porcentaxe de uso dos servizos online, como concertar unha cita cun médido a través dunha web ou App (55,3%) ou acceder a arquivos persoais de saúde (38,7%).
Indican tamén que o 71,9% dos galegos utiliza a banca por internet, incluída a banca móbil, superando á media estatal (69,6%) en 2,3 puntos, ocupando así a sétima posición no ranking por Comunidades autónomas, igual que nos dous supostos anteriores.
O 83,8% dos internautas de 16 a 74 anos utilizaron algunha web ou App das administracións públicas nos últimos 12 meses por motivos particulares. Isto supón un incremento do 18,5% respecto de 2021, fronte ao 15,5% da media estatal.
Entre os trámites máis frecuentes, o 68,8% descargou algún formulario oficial, superando a media estatal (67%). Un 24,5% accedeu a información de bases de datos ou rexistros públicos (rexistros catastrais ou de empresas), "sendo a terceira comunidade autónoma que máis xestiona por internet estas consultas".
Do total de internautas galegos de 16 a 74 anos, o 33,7% utilizou dispositivos ou servizos de domótica no fogar. En concreto, o 21% empregou asitentes virtuais en forma de altofalante intelixente ou de app (como Alexa, Google Home, Siri ou Cortana); o 15,2 % electrodomésticos conectados, o 11,2 % sistemas para a administración de enerxía para o fogar (luces, enchufes, termostatos...) e o 6,7% sistemas dealarma/seguridade no fogar (peches, cámaras, detectores de fumes...).
Escribe o teu comentario