As edilas non adscritas advirten ao goberno de Santiago: "ou hai solución para os bombeiros ou debe haber cambios"
O portavoz das edilas non adscritas, Gonzalo Muíños, apuntou que, "nin se cumpre o mínimo de efectivos que esixe o Plan de Emerxencias Municipais de 12 por quenda, nin o mínimo de nove que se considera operativo".
O portavoz das edilas non adscritas, Gonzalo Muíños, lanzou un ultimato ao Goberno local, respecto ao conflito dos bombeiros, asegurando que "ou se alcanza unha solución canto antes ou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, deberá ofrecer algún cambio no seu Goberno".
Nunha nota de prensa difundida aos medios de comunicación, Muíños subliñou que o servizo de bombeiros volve estar este domingo "sen capacidade operativa", porque o parque está a traballar "sen mandos e só con tres efectivos". Así, salienta, que en caso de producir calquera emerxencia "terían que saír o tres sen ningunha supervisión e mando e sen que ningún asuma a responsabilidade do que poida ocorrer".
O concelleiro non adscrito apuntou que, "nin se cumpre o mínimo de efectivos que esixe o Plan de Emerxencias Municipais de 12 por quenda, nin o mínimo de nove que se considera operativo".
Muíños insistiu en sinalar que esta crise de seguridade débese "única e exclusivamente a unha neglixente xestión dos recursos humanos", primeiro "acumulando máis de dous millóns de euros de horas extraordinarias sen abonar a Policía Local e bombeiros" e, agora, cunha "incapacidade absoluta" para negociar cos sindicatos.
"É incomprensible que, máis dun mes despois, o Goberno siga sen resolver este problema cos traballadores, manifestando unha absoluta incapacidade para alcanzar un acordo cos axentes sindicais", denunciou.
Ademais, remarcou que hai 12 prazas pendentes de convocar para o servizo de bombeiros do ano 2023 e 2024. "Ou se alcanza unha solución canto antes ou a señora Sanmartín deberá ofrecer algún cambio no seu Goberno. Isto non pode seguir así unha semana máis", concluíu Muíños.
Escribe o teu comentario