'O diaño sobre rodas' en Noia: camioneiro en busca e captura pillado a fume de carozo con camión de 3,5 toneladas
Cunha orde de arresto pendente, a case 170 quilómetros por hora cando non podía pasar de 90 e con dispositivos de control aparentemente trucados. Así di a Garda Civil de Tráfico que pillou a un trasportista a pasada madrugada no corredor que une Noia coa autoestrada a Santiago.
A Garda Civil detivo o pasado sábado a un camioneiro ao que lle constaba unha orde de procura e captura tras ser interceptado circulando a 168 quilómetros por hora na estrada CG-1.5, que une Santiago con Noia.
Nun comunicado, a Benemérita explicou que os feitos ocorreron sobre as 04.30 horas da madrugada no marco dunha campaña de vixilancia e control de velocidade da Dirección Xeral de Tráfico.
Así, os axentes observaron como o camión circulaba de forma temeraria, sen manter unha traxectoria estable e realizando vaivéns. Por iso, deuse o alto ao vehículo, que transportaba produtos perecedoiros.
A inspección do tacógrafo revelou que o camión circulara de forma mantida a 120 quilómetros por hora, chegando a alcanzar os 168 km/h. Con todo, a velocidade máxima para estes modelos impide superar os 90 km/h. Ademais identificáronse irregularidades no dispositivo de control de velocidade, obrigatorio para camións como este, de máis de 3,5 toneladas de peso.
Por iso, o camioneiro foi denunciado por un delito de condución temeraria, que leva a perda de seis puntos. Ademais, imputáronselle infraccións polo mal funcionamento do limitador de velocidade, carecer de autorización para o transporte público e diversas infraccións relativas ao incumprimento dos tempos de condución e descanso obrigatorio.
Durante a súa identificación, os axentes comprobaron que lle constaba unha orde xudicial de procura e captura. Por iso, foi detido e trasladado aos calabozos da Garda Civil de Boiro, onde permaneceu á espera da súa posta a disposición xudicial.
Escribe o teu comentario