Accidente mortal en Ames: morre unha condutora nunha colisión frontal entre dous vehículos
O suceso tivo lugar no quilómetro 6 da AC-544, vía que comunica Bertamiráns con Negreira.
Tráxico accidente este xoves 6 de xaneiro na localidade coruñesa de Ames, onde dous vehículos, que circulaban a AC-544, estrada que conecta Bertamiráns con Negreira , chocaron frontalmente nun sinistro que deixa unha condutora falecida. Polo menos outra muller resultou ferida de gravidade no alcance.
Os feitos ocorreron ao redor das 14 horas, no quilómetro 6 da vía pertencente ao límite municipal de Ames, ao seu paso pola aldea de Portanxil. Pola espectacularidade do choque os condutores quedaron atrapados no interior dos vehículos e foi necesario excarceralos grazas á intervención dos GES de Brión.
Con todo, os equipos de emerxencias desprazados ao lugar, entre eles un helicóptero medicalizado do 061, só puideron confirmar a morte dunha das condutoras. Segundo as primeiras informacións, outra persoa foi trasladada con feridas de gravidade a un centro hospitalario. Efectivos dos bombeiros de Santa Comba e Boiro, axentes da Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil de Ames participaron no operativo.
Escribe o teu comentario