Rescatan dun coche semiafundido a unha nena e á súa nai en Cresante, Lalín
Alivio en Lalín tras unha situación moi complicada esta mañá. Á primeira hora, ao redor das 8 horas, dúas persoas salvaron a vida grazas á rápida intervención das emerxencias.
O vehículo saíuse da estrada en Cresante, Donsión, Lalín e acabou decenas metros máis abaixo, coas rodas no aire o morro metido nun forte torrente
Os servizos de emerxencia acudiron prestos e evitaron que as ocupantes, nai e filla de dous anos, acabasen no río.
Foi a propia nai a que chamou ao centro de emerxencias, segundo informou o 112 Galicia. Angustiada, relatou aos operadores que a súa filla parecía que estaba ben, pero que tampouco podía aseguralo porque o coche estaba envorcado e elas atrapadas.
SEMI-MERGULLADO
Da central avisaron a todos os recursos dispoñibles de inmediato. Chegaron os bombeiros de Deza e o GES de Lalín e descubriron, para o seu horror, que parte do coche estaba na auga.
Un regato agora convertido en forte torrente podería acabar levar o vehículo e con el as vidas dos seus ocupantes. Afortunadamente, o resto do coche aínda estaba fóra do torrente, pero mantiña un equilibrio dubidoso.
Os rescatadores non perderon un instante e lanzáronse monte abaixo para sacar ás accidentadas do precario habitáculo. Salvadas do perigo da corrente, os sanitarios alí desprazados comprobaron que a pequena gozaba de boa saúde. A nai non tanto, pois acabou no Centro de Saúde de Lalín, polo que o seu estado tampouco parece ser grave.
ESTRADA DIFÍCIL
Vistas as imaxes de como quedou o coche, o sinistro puido ser moito máis tráxico. Un guindastre xa rescatou o turismo desde a estrada, unha zona con bastantes curvas, sen beiravía e un terraplén moi pronunciado pegado á vía.
Escribe o teu comentario