Denuncian relacións do conselleiro de Sanidade con intereses farmacéuticos e tecnolóxicos privados
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) sinala que nomear a Antonio Gómez Caamaño supón deixar a sanidade pública en mans dun "profesional hospitalario que dedica parte importante da súa actividade profesional a conseguir e xestionar recursos de alta tecnoloxía fabricados por empresas privadas"
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) denuncia nun comunicado que o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ten importantes relacións (conflitos de interese) con laboratorios farmacéuticos e empresas tecnolóxicas médicas.
A AGDSP considera que este nomeamento por parte da Xunta de Galicia supón manter a situación de "abandono e deterioración" da Atención Primaria e deixala en mans dun "profesional hospitalario que dedica parte importante da súa actividade profesional a conseguir e xestionar recursos de alta tecnoloxía fabricados por empresas privadas".
A Asociación ve tamén neste nomeamento unha vía para incrementar a penetración no sistema público tanto da industria farmacéutica como tecnolóxica privadas, fornecendo a ambas as dúas con fondos, persoal, recursos e pacientes, todo para que estas industrias experimenten produtos mediante ensaios clínicos. AGDSP considera isto "poñer os centros públicos ao servizo das industrias farmacolóxica e tecnolóxica".
Aínda máis, segundo a AGDSP sinala que o 43% dos ensaios autorizados pola UE "se realizan en centros públicos españois e galegos". Estes ensaios teñen participación privada e para iso "en 2023 a Consellaría integrou no sector público ás tres fundacións de investigación sanitaria que contan cunha forte participación da industria".
Desta maneira, a Sanidade Pública pon o diñeiro, os recursos e os enfermos para que a multinacionais experimenten novos produtos que logo patentan e venden ao sistema público a prezos moi elevados. AGDSP sinala que a Xunta cedeu á empresa estadounidense MEDTRONID, que experimenta e fabrica aparellos cardiolóxicos, o control da área do Corazón de tres hospitais públicos.
A mesma asociación apunta que se abriu unha Unidade de Ensaios Clínicos para estudar novos fármacos situada no Hospital Universitario da Coruña. Alí realízanse máis de 160 ensaios clínicos, desenvolvidos polo propio servizo, grupos cooperativos nacionais e internacionais e a industria farmacéutica.
A AGDSP insiste en que o conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, só foi nomeado para seguir coas políticas de desmantelamento do servizo público de sanidade galego ademais de favorecer á industria privada utilizando fondos e instalacións públicas.
Escribe o teu comentario