Máis xornadas de folga no SERGAS, con paros programados para o 26 de marzo e os días 9 e 23 de abril
A CIG volve chamar ao persoal do SERGAS en Atención Primaria a unha folga como a que tivo lugar a pasada semana, o 12 de marzo.
A crise da Atención Primaria en Galicia non dá tregua. A CIG-Saúde anunciou tres novas xornadas de paro nos centros de saúde e puntos de atención continuada (#PAC) de toda a comunidade: o próximo 26 de marzo, o 9 de abril e o 23 de abril. O obxectivo declarado do sindicato é escalar a presión para forzar ao departamento dirixido polo conselleiro Antonio Gómez Caamaño a abrir unha negociación real sobre as condicións de traballo do persoal sanitario de primeiro nivel.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, Ana Lestón, explicou que a decisión de intensificar as mobilizacións responde ao que o sindicato considera unha actitude de bloqueo sistemático por parte da Consellería de Sanidade. Segundo a organización, a pesar da folga do pasado 12 de marzo, o departamento autonómico non só non dera pasos cara ao diálogo, senón que se negou mesmo a recibir ao comité de folga. Só tras coñecer a convocatoria destas tres novas datas, Sanidade reaccionou citando ao comité para o 20 de marzo.
Para Lestón, este movemento da administración non fai senón confirmar o diagnóstico sindical: a Xunta unicamente responde cando sente presionada. En declaracións recollidas por este xornal, a secretaria nacional sinalou que esta reacción tardía evidencia que só ante a intensificación do conflito a administración dá pasos que se negou a dar durante a convocatoria anterior.
MILES DE CITAS PARALIZADAS
O conflito na sanidade pública galega non é novo nin se limita á CIG. O sindicato médico Ou'Mega mantén desde o 2 de marzo de 2026 unha folga de carácter indefinido en Atención Primaria, con paros semanais que reclaman melloras nas condicións laborais dos facultativos, como a redución da xornada a 35 horas semanais ou o fin das gardas de 24 horas. A nivel estatal, diversas organizacións médicas tamén convocan paros reclamando ao Ministerio de Sanidade un estatuto propio para a profesión.
As consecuencias para os pacientes galegos son xa moi significativas. Desde o inicio desta escalada de conflitos, en decembro de 2025, máis de 188.600 procedementos sanitarios foron suspendidos en Galicia, entre consultas de Atención Primaria, especialidades, cirurxías e probas diagnósticas, segundo datos que o propio conselleiro Gómez Caamaño fixo públicos esta semana. Só o luns desta mesma semana canceláronse preto de 4.500 consultas nos centros de saúde da comunidade.
A Consellería de Sanidade e o SERGAS, pola súa banda, mantiveron unha postura diferente á dos sindicatos en canto á valoración do seguimento das folgas. Mentres a CIG cifra o apoio ao paro do 12 de marzo en torno ao 70%, Sanidade situou o seguimento en apenas un 3,36% durante a quenda de mañá, asegurando ademais a cobertura do 100% dos servizos mínimos. Esta disparidade nas cifras é unha constante en cada xornada de conflito.
LÍMITE DE AXENDAS
Máis aló das estatísticas enfrontadas, a CIG-Saúde pon o foco no que considera unha situación insosteible nos centros de saúde galegos. O sindicato denuncia que a Atención Primaria leva meses funcionando ao límite, con profesionais sometidos a sobrecargas asistenciais extremas, un persoal estruturalmente insuficiente e unha burocracia crecente que, na súa opinión, impide prestar unha atención de calidade. Esta realidade, advirte Lestón, non só deteriora as condicións laborais do persoal, senón que ten un impacto directo na cidadanía e no conxunto do sistema sanitario público galego.
Entre as medidas concretas que o sindicato reclama á Xunta figuran a limitación das axendas dos profesionais, a contratación urxente de persoal en todas as categorías, a eliminación de tarefas administrativas innecesarias, o establecemento de cocientes adecuadas de traballadores por poboación atendida e unha planificación rigorosa que garanta o funcionamento dos centros de saúde e a PAC en todo o territorio galego.
O conselleiro Gómez Caamaño, pola súa banda, trasladou publicamente a responsabilidade do bloqueo aos propios sindicatos convocantes, a quen acusou de non ter vontade real de buscar unha solución. En declaracións recollidas esta semana en distintos medios, o titular de Sanidade sinalou que #CIG e Ou'Mega non queren falar para solucionalo. Desde o sindicato rexeitan esa formulación e lembran que foi precisamente a Consellería quen se negou durante semanas a sentar a negociar.
Con tres novas datas de folga xa convocadas e unha reunión prevista para o 20 de marzo, a negociación entre o Sergas e os sindicatos entra nunha fase decisiva. A cidadanía galega, que leva meses sufrindo cancelacións de consultas e atrasos crecentes nas listas de espera, espera que ambas as partes sexan capaces de alcanzar acordos concretos que freen a deterioración dun primeiro nivel asistencial que é a porta de entrada de millóns de persoas ao sistema sanitario público.
O que parece evidente, segundo os propios datos do conflito, é que o problema de fondo vai máis aló dunha disputa laboral puntual. A crise estrutural da Atención Primaria galega —con axendas saturadas, falta crónica de persoal e un modelo de xestión que os sindicatos consideran esgotado— esixe respostas que, de momento, ningunha das partes conseguiu plasmar nun acordo.
Escribe o teu comentario