Latexados en comunidade: pacientes e médicos do CHUAC rompen o silencio sobre o desfibrilador implantable
Na Coruña, unha iniciativa pioneira do CHUAC e a Asociación Española de Miocardiopatía Hipertrófica busca dar voz e consolo a quen viven cun desfibrilador automático implantable (DAI).
Cada primeiro xoves de mes, a Unidade de Cardiopatías Familiares do Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) abre a súa sala de docencia a un grupo de pacientes únicos: homes e mulleres que conviven cun desfibrilador automático implantable (DAI) ou que están a piques de recibilo. Baixo unha atmosfera próxima e sen bata branca polo medio, comparten medos, dúbidas e experiencias con especialistas e con outros pacientes que xa pasaron por ese tránsito.
O espazo, coordinado polo doutor Roberto Barriales Vila e a doutora Luísa Pérez Álvarez, experta en arritmias e dispositivos DAI, converteuse nun referente de humanización dentro do sistema público de saúde galego. Alí, as emocións contan tanto como as cifras médicas, e as preguntas persoais atopan resposta sen prexuízos nin tecnicismos.
A Asociación Española de Miocardiopatía Hipertrófica (AEMCH) impulsa estas xornadas desde a súa sede en Galicia co apoio de pacientes veteranos, que achegan un valor difícil de medir: a empatía. Salvador Ramos Baldomir, representante da AEMCH no CHUAC, explica que este espazo "rompe o muro entre médico e paciente" e ofrece un apoio que nin a medicación nin os folletos informativos poden substituír.
“Ver como unha parella chega temerosa e márchase aliviada tras falar con quen xa viven co dispositivo é unha das maiores recompensas”, resume o equipo organizador. Non se trata dunha charla académica, senón dun foro que combina educación sanitaria e soporte emocional, pensado para que ninguén afronte só o reto de portar un desfibrilador.
Ademais, a planificación inclúe sesións sobre temas técnicos relevantes, como a monitorización remota de disfuncións do DAI, a prevención de incidencias e a comunicación activa cos equipos de seguimento. Na próxima xornada, prevista para o 2 de xullo, está pendente a confirmación dun taller práctico coa empresa Medtronic, orientado a pacientes e familiares.
Os organizadores denuncian quela actividade, gratuíta e mensual, afronta trabas para chegar a máis pacientes polas normas de difusión hospitalaria, que limita moito que carteis pódense pegar nos centros sanitarios.
Que é un DAI e como funciona?
Un desfibrilador automático implantable (DAI) é un pequeno dispositivo electrónico, parecido a un marcapasos, que se coloca baixo a pel do peito para vixiar continuamente o ritmo do corazón e tratar arritmias graves que poden provocar unha parada cardíaca. Consta dun xerador (unha especie de “miniordenador” con batería e condensador) e un ou varios cables finos chamados electrodos, que van polas veas até o interior do corazón e permiten detectar e enviar impulsos eléctricos cando fai falta. Está indicado, sobre todo, en persoas que sufriron ou teñen alto risco de sufrir arritmias ventriculares perigosas, como taquicardia ventricular ou fibrilación ventricular.
En canto ao seu funcionamento, o DAI monitoriza latexado a latexado a actividade eléctrica cardíaca, e si detecta que o corazón vai excesivamente lento pode actuar como marcapasos, estimulando suavemente para manter unha frecuencia axeitada. Cando identifica unha taquicardia rápida pero aínda controlable, pode enviar impulsos rápidos e de baixa enerxía (estimulación antitaquicardia) que o paciente case non nota, co obxectivo de “reordenar” o ritmo sen necesidade dunha descarga forte. Só se a arritmia é moi grave, como una fibrilación ventricular, o dispositivo libera un choque eléctrico de alta enerxía que moitas persoas describen como unha “patada no peito”, capaz de restaurar en segundos o ritmo normal e evitar a morte súbita.
O DAI implántase nun quirófano, habitualmente con anestesia local e sedación lixeira, a través dunha pequena incisión baixo a clavícula por onde se coloca o xerador e introdúcense os electrodos nas cavidades cardíacas guiados por raios X. Tras comprobar que os cables están ben situados e que o sistema detecta e trata correctamente as arritmias, péchase a ferida e o paciente adoita permanecer ingresado un tempo curto. Despois, o seguimento realízase en consultas de cardiología e, cada vez máis, mediante monitorización remota, axustando a programación do dispositivo desde un computador externo para alargar a vida da batería (que adoita durar varios anos) e adaptalo á evolución de cada persoa.
Escribe o teu comentario