Vídeo | Así tombou o Celta ao Mallorca para pór a tiro de Champions (2 - 0)
Os vigueses ascenden á sexta posición da liga e están a cinco puntos da quinta, que ocupa o Betis e dá acceso á Champions League. O partido en Balaídos contra o Mallorca foi fácil aínda que só Aspas, outra vez, conseguiu ver puera na recta final.
O sol volveu a Vigo despois de corenta días de choiva… e con el, o Celta recuperou tamén a luz futbolística. Claudio Giráldez dixera na véspera que quería ver ao equipo “loitando por obxectivos ilusionantes cando saíse o sol”. Meu dito meu feito. O conxunto celeste asaltou a sexta praza da liga tras impor 2-0 ao Mallorca nun partido que se resolveu nos últimos minutos grazas a un dobrete de Iago Aspas, o home que non entende de resignacións.
Balaídos, cheo de optimismo tras semanas de nuboeiros deportivos e meteorolóxicos, acompañou a un Celta paciente que necesitou até o minuto 85 para derrubar a muralla balear. Os case vinte mil afeccionados vibraron coa imaxe dun equipo dominante, insistente, que case nunca baixou o pulso a pesar da espesura inicial. O ambiente volveu ser de comuñón, co público empuxando nos tramos finais como nas grandes tardes europeas.
Giráldez axitou o seu once coa mirada posta no duelo do xoves fronte ao PAOK. Reservou a homes crave como Mingueza, Borja Iglesias ou as propio Aspas, apostando de inicio por mocidade e pernas frescas. A aposta deulle control, pero pouco fío. Hugo Álvarez tentou romper o ferrollo mallorquinista con diagonais e atrevemento, mentres Fer López e Pablo Durán ofrecíanse sen atopar espazos ante unha defensa de catro que se replegaba como unha liña de cinco.
O Mallorca apenas existiu. Replegado desde o asubío inicial, cedeu o balón sen complexos, confiando en resistir e rabuñar un punto. Nin Darder nin Muriqi conseguiron xerar perigo, e Radu foi un mero espectador. No primeiro tempo, os de Arrasate non pisaron a área rival nin unha soa vez, reflectindo con crueza a falta de ambición que os mantén afundidos na táboa.
A segunda parte seguiu o mesmo guion até a entrada en escena do tridente salvador: Aspas, Borja Iglesias e Ilaix Moriba. Bastou a súa presenza para que o ritmo do partido cambiase por completo. O Celta adiantou liñas, os extremos comezaron a abrir espazos, e o Mallorca empezou a cambalear cada vez que o balón se aproximaba á área de Leo Román.
Entón chegou o erro fatal de Antonio Raíllo. Nun lance sen aparente perigo, suxeitou da camiseta a Borja Iglesias e o colexiado Guzmán non dubidou. Penalti claro. Iago Aspas, sempre infalible nos momentos grandes, axustou ao pau e levantou os brazos cara á bancada. Era o minuto 85 e o golpe foi definitivo. O Mallorca, que apostara todo ao empate, esborrallouse.
Cos visitantes á deriva, o Celta gozou dos seus mellores minutos. Unha condución perfecta de Swedberg na prolongación terminou nos pés de Aspas, que cruzou o balón con sutileza para pór o 2-0 e pechar a tarde co sorriso de quen sabe que segue sendo indispensable. Dobrete e baño de aplausos para o capitán, que acendeu de novo a chama en Balaídos.
O triunfo deixa ao equipo vigués en posicións continentais, catro puntos por encima do noveno -o primeiro fóra de competicións europeas- e coa sensación de reencontrar unha identidade clara: balón, intensidade e corazón. Os olívicos miran cara arriba. O Betis, quinto e en prazas de Champions League, está a cinco puntos. O Mallorca, en cambio, márchase afundido e sen sinais de mellora, atrapado nunha dinámica desoladora que ameaza con condenalo a unha longa loita pola permanencia.
Baixo o sol de febreiro, o Celta sorriu outra vez. E Aspas, eterno, volveu escribir un deses finais que só el sabe asinar, un testemuño de fe nun club que, cando parece atascar, sempre atopa no seu capitán a faísca para volver crer.
Escribe o teu comentario