A comisaría de Santiago de Compostela volve arder catro días despois do incendio no soto
O lume volveu reactivarse esta mañá no inmoble e deixa en suspenso o reinicio da actividade policial.
"Non se pode pasar. Hai un incendio na comisaría". Estas palabras poderían datar do pasado xoves 12 de febreiro, cando se declarou un incendio nos sotos da comisaría da Policía Nacional de Santiago de Compostela, pero son desta mesma mañá, catro días despois, cando no canto de reabrir as súas portas, as instalacións volveron a vivir unha mañá de fume e lume, pois o incendio volveu reactivarse freando a operatividade nas dependencias policiais.
UN INCENDIO "DENTRO DA NORMALIDADE"
Este déjà vu no cuartel resulta do todo inesperado, pois tras catro días de relativa normalidade despois de que se declarase o incendo na galería de tiro, este luns esperábase poder reiniciar a actividade no cuartel, pero de novo o fume negro volveu saír polo lateral do inmoble.
Os axentes xa ían a contrarreloxo, pero este luns volve levar os traballos á casa de inicio. Ao reactivar o lume foron desprazados, de novo, os servizos de emerxencia ao lugar, obrigando a desaloxar a comisaría, onde xa non se marcan prazo. As chamas parecen afectar nesta ocasión, segundo as informacións publicadas até agora, nos vestiarios da policía.
Os bombeiros, no entanto, sinalan que é unha situación habitual, tendo en conta a gravidade do incendio do pasado xoves, que deixou un aire "tóxico", como o definiron desde o propio Concello, por toda a capital galega, onde o fume chegou até San Caetano deixando cheiro a plástico queimado e pólvora. O material da galería de tiro é de caucho, cumprindo coa normativa, polo que falamos dun material moi inflamable, que produce fume negro ao arder e de alta toxicidade.
REFACHO DE INCENDIOS
As primeiras investigacións apuntaban a un curtocircuíto nunha máquina extractora de aire, no soto -4, como causa do primeiro incendio. Un lume que coincidiu no tempo con outro significativo en Santiago, só un día despois de que houbese que desaloxar o Centro Comercial As Cancelas ao recibir aviso dun particular de que se vían chamas e unha fumareda no teito dos grandes almacéns. A pesar de todo, a actividade comercial puido reiniciar só unhas horas despois. En ningún dos dous sucesos houbo que lamentar feridos.
Agora, o escenario que se presenta en Santiago é o de volver a ventilar e limpar o edifico para volver recibir ao público e aos axentes. Moitas das operacións que se desenvolven no cuartelillo foran derivadas e a previsión é que se manteña así o que resta de semana. Moitos dos trámites terán que ser trasladados, como até agora, a comisaría provincial da Coruña.
Escribe o teu comentario