A Xustiza di que a vertedura de pellets do Toconao é "unha infracción administrativa" e arquiva a causa
O Xulgado de Noia arquiva a denuncia presentada por Ecoloxistas en Acción polas verteduras do cargueiro en decembro de 2023.
Carpetazo ao polémico e potencilamente perigosa vertedura de pellets que tivo lugar en decembro de 2023 e que puxo en xaque a toda a costa galega polas súas consecuencias tanto a nivel medioambiental como económico, ameazando a toda a industria ligada ao mar. Os microplasticos que chegaron ao litoral pola caída duns colectores do cargueiro Toconao non só arribaron ás praias da comunidade, senón tamén ante os xulgados de Noia por medio dunha denuncia de Ecoloxistas en Acción que, dous anos despois, a Xustiza decide arquivar.
SEN DANOS NOS ECOSISTEMAS
A maxistrada á fronte da causa acordou o sobresemento da mesma ao considerar que non se pode inferir a existencia de ningún ilícito penal, puntualizando que os feitos serían, como moito, susceptibles de ser castigados por unha posible infracción administrativa, e non atendendo a un delito contra o medioambiente e os recursos naturais como argumentaba a plataforma na súa denuncia.
Desta maneira, a xuíza esgota a vía penal de momento, aínda que o auto aínda non é firme e pode ser recorrido ante a Audiencia da Coruña. O documento incorpora un informe da Dirección Xeral da Garda Civil onde se dá conta da carga perdida polo Toconao, a causa, segundo o propio expediente, das malas condicións climatolóxicas.
A xuíza instrutora tamén puntualiza que, ao seu xuízo e tendo en conta os informes do armador, a empresa fretadora, o Seprona e outras entidades, cumpríronse os protocolos de carga por parte da empresa e que non se aprecieron anomalías ou neglixencias que expliquen a caída dos colectores que transportaban os pellets que, máis tarde, terminarían chegando ás costas de Galicia e ameazando as industrias que se alimentan das rías.
Por outra banda, desde o xulgado de Noia reafirman que os microplásticos non eran tóxicos nin contiñan sustancias perigosas, e que o seu impacto non resultou significativo a medio prazo nin o será no futuro, considerando a xa de seu alta cantidade de contaminantes nas contornas mariñas, mesmo en espazos protexidos como o espazo dunar de Corrubedo ou o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, onde, segundo a sentenza, non se rexistraron grandes danos ao ecosistema nin á biodiversidade.
Escribe o teu comentario