Residentes e traballadores da residencia Volta do Castro sometidos a unha "tensión térmica" perigoso para a saúde
O xeriátrico, "psiquiatrizado" segundo denuncian os seus traballadores, presenta tamén deficiencias que pon en risco aos residentes.
Nos últimos meses a residencia de maiores Volta do Castro de Santiago de Compostela ocupou moitos titulares despois das mobilizacións que protagonizaron traballadores, usuarios e familias denunciando o proceso de "psiquiatrización" do centro compostelán. Ademais das acusacións á Xunta de Galicia, agora o xeriátrico tamén é noticia pola denuncia que fai a Central Sindical Independente e de Funcionarios (#CSIF), despois dun calorosos verán na capital que usuarios e traballadores levaron como boamente puideron nun centro que presenta perigosas carencias.
33ºC Ás 11 HORAS
Desde CSIF elevaron unha queixa á Consellería de Política Social e Igualdade polos episodios de "tensión térmica que se produciron este verán". Citan particularmente á terceira planta da residencia, onde as medicións alcanzaron temperaturas de até 33ºC ás 11 horas da mañá.
Todo iso, a pesar da presenza de ventiladores de teito, os único recursos para combater as altas temperaturas nun verán especialmente caloroso en Santiago, afectado pola larguísima onda de calor que experimentou a comunidade galega o pasado mes de agosto.
"O persoal de TCAE desenvolve un traballo físico intenso e continuado dentro de habitacións e baños sen sistemas de refrixeración, o que incrementa de forma notable o risco de golpe de calor, mareos, fatiga e deshidratación, afectando tanto a traballadores como a persoas residentes", denuncian desde CSIF, que lembran que existe unha normativa que "obriga a garantir condicións ambientais axeitadas ao tipo de actividade".
"As guías técnicas do INSST sobre tensión térmica establecen que deben adoptar medidas preventivas inmediatas cando se superan determinados valores", detallan, reclamando á Consellería que adopte medidas urxentes para mellorar a climatización e ventilación do edificio, nomeadamente do terceiro piso.
Ademais, instan a pór en marcha un sistema para a "vixilancia médica específica" a fin de detectar síntomas que alerten sobre a tensión térmica no persoal. Tamén garantir a subministración de auga fresca e bebidas isotónicas nas zonas de descanso, do mesmo xeito que un control e rexistro diario das temperturas en corredores e habitacións e a actualización da avaliación de riscos laborais, incorporando a tensión térmica como un deles e contemplando a elaboración dun plan específico para actuar durante as ondas de calor, que prometen ser máis persistentes e habituais nos próximos anos.
"Desde CSIF lembramos que a exposición a altas temperaturas constitúe un risco laboral grave e inminente, e que é responsabilidade da administración adoptar medidas eficaces para protexer a saúde do persoal e a seguridade das persoas usuarias", resolven.
Escribe o teu comentario