A Xunta adxudica os traballos para delimitar as zonas húmidas da demarcación Galicia-Costa
O contrato, xa formalizado, céntrase no estudo destas áreas, que reteñen naturalmente a auga e teñen efectos positivos sobre os eventos extremos de inundación e seca, fundamentais ademais na consecución do bo estado das masas de auga asociadas
A Xunta, a través de Augas de Galicia, adxudicou por preto de 200.000 euros o servizo de apoio técnico nos traballos de identificación e delimitación das zonas húmidas con relevancia para o ciclo hidrológico na demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
O contrato, xa formalizado, céntrase no estudo destas áreas, que reteñen naturalmente a auga e teñen efectos positivos sobre os eventos extremos de inundación e seca, fundamentais ademais na consecución do bo estado das masas de auga asociadas.
Segundo informou a Xunta nun comunicado, o obxectivo principal é realizar os labores de caracterización e delimitación en campo das zonas húmidas con relevancia na demarcación hidrográfica Galicia-Costa mediante distintas actuacións como un estudo piloto sobre o terreo para acabar de definir o método de caracterización e mostraxe destas áreas relevantes e, de ser necesario, modificalo de acordo coa experiencia práctica.
Desta forma, esta acción piloto permitirá á empresa adxudicataria definir a maneira de caracterizar e clasificar as zonas húmidas.
O servizo, cun prazo de execución de 15 meses, tamén inclúe a realización dun inventario das presións e ameazas existentes na súa contorna, o deseño e elaboración dun sistema de información para o almacenamento da información recompilada e o establecemento dun réxime de protección aplicable pola administración hidráulica tendo en conta as consideracións legais aplicables ás zonas húmidas con relevancia para o ciclo hidrológico.
Escribe o teu comentario