Animalistas piden á Xunta prohibir aos adolescentes acceder a corridas de touros e becerradas
Na actualidade a normativa autonómica só impide a entrada en recintos pechos aos menores de 12 anos.
A Xunta de Galicia incumpre as Observacións Finais formuladas polo Comité dos Dereitos do Neno en 2018. Así o constantan desde a Fundación Franz Weber, que sinala ao Goberno de Galicia por non prohibir o acceso aos menores de idade a espectáculos taurinos, tal e como consta no texto. O colectivo leva máis dun lustro instando á Xunta a ampliar o veto por encima dos 12 anos, tal e como vén facendo até estes momentos nas corridas de touros celebradas en cidades como Pontevedra.
MENORES, VIOLENCIA E ALCOL
"O Parlamento de Galicia aprobou no seu momento unha Lei de Espectáculos que vetaba o acceso de menores de 12 anos a corridas de touros", subliñan desde a FFW, que consideran "incompleta" a medida, pois o propio Comité dos Dereitos do Neno insta a todos os gobernos a "afastar ás persoas menores de idade da violencia, incluída a exercida sobre animais".
Por isto, a organización pide á Xunta que poña o límite nos 18 anos que marcan a maioría de idade, xa que se trata dunha maneira de acceder a "violencia explícita", algo "difícil de entender cando teñen limitacións para acceder a determinados contidos audiovisuais ou a locais segundo a súa tipoloxía".
A continuación, lembran que este tipo de espectáculos tamén hai bebidas alcoholicas, empatando este asunto coa proposta do Goberno de Alfonso Rueda a prohibir o consumo destas sustancias diante de menores de idade. "Na praza de touros de Pontevedra esta estampa é moi habitual", observan.
Así, por medio da campaña 'Infancia sen violencia', os animalistas esixen á Xunta un primeiro paso coa prohibición da becerrada programada o próximo 5 de xullo na cidade do Lérez. "Non podemos arrogarnos cumprir con Organismos internacionais cando logo, como Comunidade Autónoma, ignoramos peticións que afectan as infancias e adolescencias de maneira directa. Galicia foi pioneira en aplicar unha prohibición de acceso, cuxa proposta orixinal se aprobou por unanimidade xa en 2011. Agora debemos seguir sendo pioneiros cun veto total", asume Rubén Pérez, coordinador da campaña.
Escribe o teu comentario