O SERGAS incorporará un proceso asistencial para as demencias antes de que acabe o ano
Un dos principais obxectivos desta iniciativa "é optimizar a comunicación entre a atención primaria e hospitalaria", explica a Consellería de Sanidade nun comunicado
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou que o Sergas creará un proceso asistencial integrado en atención primaria para as demencias antes de que acabe o ano.
Así o expuxo esta tarde de venres na inauguración da Reunión de deterioración cognitiva da Sociedade Galega de Neuroloxía.
Un dos principais obxectivos desta iniciativa "é optimizar a comunicación entre a atención primaria e hospitalaria", explica a Consellería de Sanidade nun comunicado. Así mesmo, este proxecto tamén contribuirá a homoxeneizar a asistencia en todas as áreas sanitarias galegas.
Na actualidade, xa se realizaron reunións con profesionais de distintos campos como a neurología, psiquiatría, enfermaría ou traballo social. En fases posteriores, traballarase coas asociacións de pacientes para incorporar a súa visión.
Gómez Caamaño apunta ás enfermidades neurodegenerativas como un dos maiores retos aos que se enfronta o sistema sanitario, dado o envellecemento da poboación galega. En 2024 realizáronse en Galicia máis de 716.000 consultas por sospeita da enfermidade de alzhéimer ou demencia senil. No mesmo período, foron atendidos 30.000 pacientes nos centros de saúde galegos.
MELANOMA
Por outra banda, o conselleiro participou na inauguración do XVI Simposio do Grupo Español Multidisciplinar de Melanoma 2025, onde destacou que a vía rápida da melanoma do Sergas ofrece un primeiro diagnóstico nun tempo medio inferior aos oito días.
Esta vía asistencial permitiu atender máis de 1.500 pacientes con sospeita de cancro durante 2024 nun prazo medio de resposta de 7,5 días.
Noutra orde de cousas, Gómez Caamaño informou de que a Xunta percorrerá 223 municipios na época estival coa campaña 'Non esquezas doar antes de veranear' para garantir as reservas de sangue no verán, cunha necesidade de 27.000 doazóns.
Escribe o teu comentario