Denuncia dos xornalistas palestinos: "Asasínannos para matar a verdade"
O presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos recolle en Compostela o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa
O presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, Nasser Abu Baker, denunciou este sábado en Santiago de Compostela as "atrocidades" e a violencia á que ven sometidos os profesionais por parte de Israel. "Asasínannos para matar a verdade", aseverou Abu Baker durante o acto de entrega do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa.
Así o afirmou o xornalista palestino durante a entrega deste galardón, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, que foi concedido á organización que preside.
"Estamos todos baixo ameazas, eu fun varias veces un obxectivo, non hai nin un só xornalista en Palestina que non sexa vítima, as atrocidades que sofren vai en contra da liberdade de prensa a nivel mundial e por iso hai que solidarizar e estar todos unidos", reflexionou durante a súa intervención.
A cerimonia de entrega, presentada pola xornalista Ainhoa Apestegui, comezou ao redor das 12.30 horas cunha actuación da música galego-palestina Najla Shami e coas intervencións da decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira Leal, e a deputada da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soidade Agra Tuñas.
A continuación, Anxo Quintela procedeu á lectura do manifesto 'Estamos dentro', elaborado por el con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, e no que avogou por utilizar a imaxinación para pensar "outro xornalismo posible nestes tempos complicados".
MÁIS DE 200 XORNALISTAS ASASINADOS
Neste contexto, Nasser Abu Baker participou nun coloquio coa xornalista Valeria Pereiras, no que detallou as condicións nas que traballan os comunicadores en Palestina, e aproveitou para incidir en que o Goberno israelí "non quere que ninguén vexa a realidade do que pasa alí".
Nesta liña, o presente do sindicato afirmou que Palestina vive "unha situación inimaxinable" onde "non hai ningún xornalista que non sexa vítima" e fixo un chamamento ao conxunto de xornalistas internacionais e da poboación en xeral para "seguir saíndo ás rúas para denunciar todo o que está a ocorrer e reclamar ao Tribunal Penal Internacional que interveña".
Así, a decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembrou que desde o 7 de outubro de 2023 "ao redor de 200 xornalistas foron asasinados", unha situación que situou no contexto "máis extremo", no que se persegue e asasina ás persoas que tentan informar.
"Os xornalistas palestinos traballan baixo as bombas, entre balas, na choiva, baixo o ardente sol de Palestina. Moitos non teñen casa porque máis de 1.700 casas de xornalistas foron destruídas, traballan en tendas de campaña e baixo un medo incrible. Traballan entre os corpos das vítimas asasinadas, vítimas que en moitas ocasións son as súas propios familiares e, a pesar de todo, seguen facendo o seu traballo", debullou Nasser Abu Baker visiblemente emocionado.
"NON ESTAMOS EN CONTRA DO POBO XUDEU"
Durante a súa intervención, o xornalista tamén tivo tempo para reflexionar sobre a chegada de Donald Trump á Casa Branca e, neste sentido, denunciou que desde que este chegase á presidencia estadounidense "aumentou a maquinaria de guerra de Israel e deulle armas aínda máis perigosas das que tiña".
Preguntado pola postura da prensa israelí e de medios que se "desmarcan" da versión oficial, Abu Baker insistiu en que "non están en contra o pobo xudeu, senón da ocupación e dos actos violentos".
Nesta liña, asegurou que a prensa israelí "traballa para o exército e retransmite o que Israel quere ensinar a nivel internacional", así, subliñou que a prensa "é parte da ocupación".
"Moi ao meu pesar eles son parte da ocupación e defenden a violencia e as atrocidades, o que tentan é ensuciar a imaxe do pobo palestino", concluíu.
Finalmente, a decana entregoulle o premio a Nasser Abu Baker, que se trataba dunha imaxe do fotoperiodista Óscar Corral, recente gañador do Premio Ortega e Gasset á mellor fotografía. No seu discurso de agradecemento, o presidente do sindicato cualificou a situación en Palestino de "guerra mediática de exterminio".
Con todo, o acto tivo como broche final unha última actuación de Najla Shami, sobre a que se proxectou un vídeo en recordo dos máis de douscentos xornalistas palestinos asasinados desde o 7 de outubro de 2023.
Escribe o teu comentario