Diferentes grupos políticos uníronse á Declaración de Concellos promovida por Queremos Galego

No acto, celebrado en Santiago de Compostela, denunciouse que a actual "emerxencia lingüística" vén do "incumprimento e boicot dos acordos por quen tiña que aseguralos no ensino, na administración, na xustiza, na saúde ou na cultura"


|

Unnamed
Alcaldes e membros da Mesa pola Normalización en Compostela presentando a Declaración de Concellos pola Lingua Galega

 

Ducias de alcaldesas, alcaldes e membros de corporacións municipais de toda Galiza amosaron esta mañá en Compostela a súa adhesión á Declaración Concellos coa lingua galega, promovida pola plataforma cidadá Queremos Galego. Representantes públicos de BNG, PSdeG, Alternativa dos Veciños, Compostela Aberta, Sada Maioría, Movemento Salceda e Apin asumiron "como propio" o chamamento de Queremos Galego á mobilización o próximo sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, e declararon o seu apoio e disposición "para aplicar os acordos comúns, amplos e que unen ao conxunto do pobo galego".

 

Na presentación pública da Declaración, que se celebrou esta mañá na alameda de Santiago de Compostela e contou coa lectura do texto por parte de Tareixa Navaza, o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, salientou que "a emerxencia lingüística activou o pobo galego na reclamación do cumprimento e asunción dos compromisos aos que chegamos conxuntamente, con ampla participación, sen exclusións e sen vetos".
 

Maceira recordou o multitudinario plenario de Queremos galego de novembro e as miles e miles de persoas que encheron a Praza do Obradoiro en febreiro e afirmou que a sociedade galega volverá amosar a súa postura común na defensa da lingua o vindeiro 17 de maio, "día da nosa lingua, no que tamén arrancará o proceso social Lingua Vital para dotármonos de ferramentas que transformen a vontade de plena normalidade en realidade e garantías".

 

"A case 45 anos de conquista da oficialidade da súa lingua polo pobo galego", denuncia o presidente da Mesa, "podemos afirmar que a causa da emerxencia lingüística está no incumprimento e boicot dos acordos por quen tiña que aseguralos no ensino, na administración, na xustiza, na saúde ou na cultura".

 

Neste sentido, Maceira afirma que, "perante a mobilización social que comezou en novembro, o Partido Popular viuse na obriga de mudar de aparencia", e recorda que "só o farán realmente se seguimos reaxindo con enerxía fronte a emerxencia lingüística". Por iso, insiste en que "este 17 de maio ten que ser o que encarreire a todas as institucións galegas e nomeadamente á Xunta de Galiza á irrenunciábel defensa e reposición da lingua que lle dá sentido". "Coa forza que se verá nas rúas o 17 de maio e coa vontade que hoxe manifestades de acompañala sempre, é posíbel mudar o rumbo", conclúe. Ese é o rumbo que o pobo galego quere tomar e que as e os representantes municipais asumen como propio, adheríndose a esta declaración.

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE