Sogama, anfitrión en Cerceda do IV Encontro de Empresas Públicas de Xestión de Residuos
A compañía galega convida ás súas homólogas da cornixa cantábrica a un encontro de dous días a finais de novembro.
Os días 27 e 28 de novembro terá lugar en Galicia un encontro, o sexto da súa clase, entre empresas públicas da xestión de residuos da cornixa cantábrica. Trátase da IV Edición desta reunión que, neste 2025, organizará Sogama, precisamente na localidade onde conta co seu principal centro loxístico e onde acudirán as súas homólogas do norte peninsular.
DOUS DÍAS DE TRABALLO
O foro servirá para ser un novo punto de encontro para o "intercambio de coñecementos, experiencias e novidades por parte de cada entidade como forma de enriquecer o traballo e os servizos que todas elas prestan nos seus respectivos territorios".
Así o recoñecen desde Sogama, que ven fundamental poder parlamentar con outras compañías coas que comparten retos diarios como a dispersión poboacional, a climatoloxía ou a orografía do territorio.A este encontro están citadas a asturiana Cogersa, a cántabra MARE e dúas entidades do País Vasco: Garbiker, de Bizkaia, e GHK, de Gipuzkoa.
As xornadas desenvolveranse dacabalo entre Santiago de Compostela e Cerceda, sendo o primeiro día, o do 27 de novembro, na capital galega, para trasladar ao día seguinte até a localidade coruñesa onde Sogama conta co seu centro principal dunha rede que se estende por toda a comunidade galega.
Nesta reunión os representantes de cada empresa exporán as súas accións durante o último ano e a liña que planean seguir nos próximos meses atendendo ao contexto normativo, ambiental e social actual, contando ademais con talleres de traballo onde abordarán asuntos como a operación técnica, a innovación ou a protección ambiental, entre outros.
Xa en Cerceda, as entidades visitasen as instalacións de Sogama, coñecendo de primeira man o tratamento vangardista dos residuos que alí se realiza, e porán en común as súas conclusións tras estes dous días de convivencia.
Escribe o teu comentario