Aemet alerta de tormentas en toda Galicia este venres
A alerta empeza ao mediodía pero xa se están producindo fortes chuvascos nalgunhas zonas como Ourense. Durará todo o día. Para sábado e domingo non hai alertas previstas, salvo na Mariña, onde hai aviso amarelo para o sábado entre as 9 e as 20 horas. As primeiras tormentas xa produciron danos.
A Axencia Estatal de Meteorología (Aemet) activou unha alerta amarela por tormentas e fortes choivas en Galicia para este venres, 2 de maio.
En concreto, esta alerta irá desde mediodía até medianoite nas catro provincias por tormentas localmente fortes e choivas de máis 15 litros por metro cadrado.
En zonas como Valla e A Estrada xa caeron as primeiras tormentas fortes, provocando danos materiais.
A previsión de AEMET sinala ceos moi nubrados con abundante nebulosidade de evolución. Espéranse chuvascos acompañados de tormenta e probable saraiba. Durante a tarde é probable que os chuvascos sexan localmente fortes. Temperaturas en ascenso. Vento bambo a moderado de compoñente este, tendendo a compoñente sur. Non se descartan refachos moi fortes no litoral norte
Pola súa banda, Meteogalicia explica que este venres entra a Galicia unha borrasca polo sur, desde Portugal, tras unha xornada de xoves de transición tamén con algún chuvasco illado.
As temperaturas mínimas do venres experimentarán un lixeiro ascenso, con máximas sen cambios. O vento soprará de dirección variable, con especial predominancia sur no interior.
Escribe o teu comentario