Os traballadores da residencia Volta do Castro marchan para denunciar a "psiquiatrización" do xeriátrico
Unha andaina desde Padrón até a residencia santiaguesa busca visibilizar a situación na que se atopa o persoal do centro público.
Na residencia Volta do Castro de Santiago de Compostela faltan cociñeiros. Tamén fan falta máis limpadores. Igual que se necesita contratar máis enfermeiros, máis técnicos en coidados auxiliares de enfermaría, máis animadores socioculturais, máis persoal de mantemento... En definitiva falta de todo neste centro xeriátrico reconvertido á forza, dun tempo para acó, nun psiquiátrico co ingreso de persoas con trastornos mentais, adiccións e outros problemas para os que o persoal non está capacitado para facer fronte, pois a súa formación está enfocada ao coidado dos maiores, que conviven con persoas que poden ter condutas agresivas, tal e como relataban desde a residencia a Galiciapress .
Neste clima, o persoal iniciou hai semanas unha serie de mobilizacións para demandar solucións á dirección do centro e á Xunta , á que responsabilizan de tomar estas decisións ás costas do persoal, sen que se reforce o cadro de persoal, moi fraco con todas as necesidades ás que agora teñen que adaptar.
MARCHA PROTESTA
Por iso, para visibilizar o seu malestar, ademais das mobilizacións que celebraron á porta da residencia Volta do Castro ou mesmo ante a propia Xunta de Galicia, o persoal celebrou este mércores unha andaina protesta desde Padrón até o xeriátrico, a fin de levar á rúa as reivindicacións dun persoal que sofre "sobrecarga de traballo" e "tensión laboral" polas condicións ás que ven sometidos.
"Metes a un familiar nunha residencia onde supós que hai unha serie de prestacións e coidados, pero resulta que o estás metendo nun psiquiátrico con xente que se altera, agresiva, antisocial, que necesita outro tipo de coidados", explicaba hai uns días Xan Carlos Ansia, un dos traballadores da residencia, a este diario.
O pasado fin de semana presentaron decenas de firmas ante a Xunta onde reiteraban as súas demandas para reverter a situación que se está vivindo no xeriátrico, onde, cifran, en torno ao 15% dos residentes teñen problemas psiquiátricos, coas dificultades que teñen para tratalos pois, como din, "isto nin é un almacén nin é unha unidade psiquiátrica".
Escribe o teu comentario