O Sindicato Labrego Galego presenta un novo colectivo para a defensa do sistema público de dependencia
Mañá será a posta de longo da Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) en Santiago de Compostela.
Herbiberto foi un dos moitos nomes que nos últimos anos acudiron á Xunta para buscar axudas para a dependencia e facer a súa vida, rozando xa os 100 anos, un pouco máis sinxela. El e a súa muller son exemplo dos atrasos que recompilaron no Sindicato Labrego Galego (#SLG) de cidadáns que non perciben nin valoracións nin axudas á dependencia e que en casos como o de Heriberto falecen sen recibir resposta ás súas solicitudes.
UN PROBLEMA Á alza
Neste contexto, e conscientes de que este será un problema que se agravará nos próximos anos nunha comunidade onde o saldo vexetativo evidencia unha tendencia preocupante nunha sociedade cada vez máis envellecida, desde o SLG tomaron cartas no asunto xunto a outras organizacións para pór en marcha a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD).
A súa posta de longo terá lugar mañá, a partir das 11:30 horas en Libraríaa Couceiro de Santiago de Compostela, onde intervirán o médico xubilado Francisco Vázquez e Margarida Prieto, unha das moitas persoas que hoxe asume os coidados dos seus familiares dependentes ante a imposibilidade de poder delegar a asistencia noutra persoa. Prieto será a representación deses miles de familias que se atopan nunha situación de desamparo como a súa.
Neste colectivo danse cita "persoas de diversos contextos sociais e profesionais, preocupadas pola situación actual dos servizos públicos de dependencia en Galicia". Así, critican a aposta da Xunta polos sistemas "low cost" no ámbito dos coidados do Sistema Público Galego de Dependencia.
Un exemplo claro témolo en Ourense, coas mobilizacións protagonizadas pola plataforma ProCAPD da cidade termal, onde a apertura dun novo centro para a atención a persoas con discapacidade, a pesar de ser público, terá a súa xestión en mans de empresas privadas, como propón o Goberno de Galicia.
Escribe o teu comentario