"O litio para os nosos móbiles pode saír dos nosos caixóns e non da mina de Doade"
A Mina de Doade situaríase nunha zona que municipios entre Pontevedra e Ourense, incluíndo A Lama e Cerdedo-Cotobade, aínda que a base está na pedanía homónima, do Concello de Beariz. A explotación estenderíase sobre unha superficie de 1.700 hectáreas nunha área estratéxica onde nacen varios ríos. O obxectivo é extraer pegmatita, un mineral que contén litio, un elemento crucial para a fabricación de baterías e considerado un material crítico pola Unión Europea debido ao risco de desabastecemento.
Con todo, o plan xerou preocupación entre grupos ecoloxistas e veciños debido a posibles impactos ambientais, como o risco de contaminación de acuíferos e ríos, o consumo de auga, e o efecto das explosións subterráneas en edificacións próximas. A empresa asegura que o proxecto contempla máximas garantías para evitar impactos negativos, pero a controversia persiste . Joám Evans Pim, de Ecoloxistas en Acción, explica neste entrevista porqué, na súa opinión, a mina non é necesaria nin pode saír adiante desde un punto de vista legal.
Quen está a liderar o proxecto da mina de litio en Doade? Cal é o propósito principal desta mina e que recursos se pretenden extraer? Que características ten o proxecto en termos de extensión e duración?
Lidérao a empresa Recursos Minerales de Galicia, filial do grupo SAMCA. Coñecemos o proxecto anterior da empresa que foi informado desfavorablemente no 2020, pero non temos información oficial da extensión, duración e recursos que pretende extraer o proxecto que agora chaman Mina Doade, a pesar de telo solicitado desde varias organizacións ambientais durante o proceso que a empresa chamou de participación pública.
Que técnicas de extracción se planean utilizar na mina? Cales son os principais riscos ambientais asociados con eles?
Descoñecemos tamén cales son as técnicas de extracción, pero tamén como vai ser a xestión dos residuos mineiros. Non é posíbel entender todos os riscos sen poder acceder ao proxecto íntegro. De tratarse, como parece, dunha revisión do proxecto de 2020, a proposta continuaría sendo tecnica e ambientalmente inviábel, como xa se pronunciaron expertos internacionais.
A empresa non pode garantir que o proxecto non deixará aos fogares sen auga potable
Que impacto podería ter a mina nos acuíferos e ríos próximos? As aldeas da contorna collen a auga de ali?
A aldea de Doade bebe directamente do que pretende ser o km cero da mina. O impacto sería irreversible. Mesmo descoñecendo o proxecto, isto é algo que si que podemos afirmar sen lugar a dúbidas. A empresa non pode garantir que o proxecto non deixará sen auga potable ás casas e menos aínda que a auga que se vai beber despois dun proxecto mineiro será da mesma calidade que a de agora. Este é un dos motivos polos que a veciñanza non está disposta a ceder á empresa a súa fonte hídrica principal nos tempos que corren.
Cal é a postura das autoridades locais e autonómicas fronte ao proxecto? Necesita permiso ambiental como por exemplo a mina de Touro?
Dos cinco concellos afectados (Beariz, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Avión e Forcarei) pódese afirmar que o concello de Beariz é favorable á mineira, a pesar da oposición veciñal maioritaria ao longo dos diferentes proxectos que afectaron á zona. Do caso de Avión aínda se descoñece a postura do alcalde, mais a oposición veciñal é tamén maioritaria. En Forcarei e Cerdedo-Cotobade non houbo posicinamento público e na Lama, onde tamén hai oposición, non houbo ainda un posicionamento. Pódese afirmar que as autoridades locais non están atendendo á súa veciñanza e non están trasladando a información da que dispoñen.
O proxecto de 2020 foi tramitado de xeito ilegal ao non someterse a avaliación de impacto ambiental cando a obrigatoridade era evidente: pola posibilidade de xeración de augas ácidas, pola proximidade ás vivendas e pola presenza de minerais radioactivos. Sería realmente sorprendente que a Xunta ordease aos seus funcionarios que prevaricasen na nova tramitación porque non cabe dúbida sobre cales serían as consecuencias.
Que beneficios económicos promete este proxecto para a comarca e a economía en xeral? Ao final o litio que usamos dos moviles dalgun sitio ten que sair ...
Neste país, quen contamina nin paga nin restaura, como mostran os exemplos de Monte Neme, Penouta, Touro ou San Finx. A empresa acabarase indo sen restaurar e será a veciñanza dun lugar a que teña que asumir as consecuencias.
En relación á demanda de litio para tecnoloxías dixitais, é importante lembrar que 9 de cada 10 telémóveis acaban en vertedoiros, incinerados ou en caixóns no fin da súa vida útil. E mesmo os que se chegan a infrareciclar só recuperan unha parte dos metais que conteñen, porque os productos non están deseñados para a durabilidade, reparabilidade ou reciclabilidade, se non para tirarse ao cabo de un par de anos.
O litio para telemóveis podería sair, en primeiro lugar, dos nosos caixóns. Na UE hai máis de 500 millóns de teléfonos en caixóns, con metais valorados en 1,5 billóns de euros. E, sen ir máis lonxe, nas salmoiras das plantas desalinizadoras que existen no Estado español extráese do mar cada ano suficiente litio como para suplir esa demanda tecnolóxica, só que se verten de novo no mar como residuos sen recuperar eses minerais.
Hai xa opinions os expertos independentes sobre a viabilidade técnica do proxecto?
Tanto a empresa como a Xunta néganse a dar acceso ao proxecto. Tampouco permitiron consultar o estudo hidrolóxico elaborado pola Universidade da Coruña. Neste momento só podemos pronunciarnos en base ao proxecto de 2020. Steven Emerman, coñecido hidrólogo experto nos impactos da minaría, indicou que o afirmado publicamente pola empresa en relación ao seu “novo” proxecto é unha imposibilidade física.
En que estado se atopa actualmente o proceso administrativo do proxecto?
Hai que entender que o proxecto de solicitude de concesión mineira preséntase en base a un permiso de investigación que se leva prorrogando irregularmente desde fai máis de dúas décadas. É un vicio de partida que fará, con toda probabilidade, que o proxecto acabe tumbado nos tribunais por tramitarse sobre un dereito mineiro caducado. A empresa indicou que presentaría o proxecto antes de acabar este ano, máis os funcionarios da Xunta afirman que non se presentou nada.
Dubidamos que a empresa e o Goberno estean dispostos a probar a vía da expropiación forzosa cando legalmente non é posible que o proxecto prospere
Que alternativas ten a empresa se o proxecto é rexeitado?
Existe a posibilidade de que a Xunta tramite e mesmo aprobe o proxecto. Logo será tumbado nos tribunais como pasou con outros proxectos tramitados ilegalmente, como o da Penouta ou o de Muras. A parte diso, as comunidades de montes xa se pronunciaron en relación ao seu rexeitamento. Dubidamos que a empresa e a Xunta esten dispostas a tentar a vía da expropiación forzosa cando non é legamente posíbel que o proxecto prospere.
Escribe o teu comentario