Un ano despois da marea de pellets do Toconao aínda non hai normas para previr estas verteduras
O Parlamento Europeo ten pendente a nova lexislación prometida tras o desastre ambiental, aínda que en teoría non debería tardar moito, tras o recente ditame sobre o transporte de pellets na Comisión de Medio Ambiente. Tampouco está claro quen paga a factura da limpeza e cales foron os danos reais no ecosistema.
O 8 de decembro de 2023, o cargueiro liberiano Toconao perdeu seis colectores fronte ás costas do norte de Portugal, dos cales un contiña 26,3 toneladas de pellets de plástico. Este incidente marcou o inicio dunha catástrofe ambiental que, aínda que distou moito da gravidade do Prestige, impactou gravemente nas praias de Galicia, Asturias e Portugal. A máis dun ano do suceso, estes pequenos gránulos plásticos, non biodegradables, seguen presentes nos litorais afectados aínda que moito máis repartidos polo que xa non chaman a atención, mentres a Unión Europea aínda non aprobou unha regulación específica para evitar futuras verteduras deste tipo.
As praias galegas convertéronse no epicentro deste desastre. Nalgunhas zonas, sobre todo na costa norte, houbo miles de pellets acumulados por cada 100 metros de litoral. Aínda que xa non hai grandes concentracións, descoñécese o impacto a longo prazo das partículas non recollidas polos servizos de limpeza e os milleiros de voluntarios.
Dado o seu pequeno tamaño, estes plásticos son contaminantes que entran na cadea trófica e pon en perigo a biodiversidade mariña e, potencialmente, a saúde humana. Ademais, a vertedura do Toconao prexudicou a imaxe dos produtos do mar galegos, afectando a un sector crave da economía rexional e ás comunidades costeiras que dependen del.
Que propoñen as novas normativas europeas?
O desastre desatou un intenso debate no seu día sobre a xestión e transporte dos pellets de plástico. Aínda que recentemente a Comisión de Medio Ambiente deu luz verde a un regulamento para regular a súa manipulación e transporte, a normativa definitiva aínda está pendente de votación no Parlamento Europeo. A proposta promete reducir as emisións de microplásticos nun 74 %, establecendo controis para operadores económicos que manipulen máis de cinco toneladas destes materiais.
A proposta tamén inclúe medidas como certificacións obrigatorias para as empresas que manexen máis de 1.000 toneladas anuais. A promesa dos lexisladores é que os custos asociados a estas medidas serán asumidos polos operadores económicos baixo o principio de "quen contamina paga". Aínda que os custos para as empresas serán limitados, os beneficios económicos serán notables. Segundo a Comisión Europea, estímase que as empresas poderían aforrar até 127 millóns de euros pola redución de perdas de pellets ao ter que cumprir normas máis estritas.
Entre as medidas previstas, inclúense obrigacións para transportistas, empresas de limpeza de colectores e capitáns de buques. Ademais, as normativas non se limitarán a transportistas da UE: todos os buques que operen no territorio europeo, incluídos os de terceiros países, deberán cumprir coas mesmas regras. Bruxelas busca que os pellets nunca cheguen ás augas residuais, evitando a súa acumulación en terras agrícolas a través de lodos de depuradora.
A ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, destacou o papel de España nas negociacións europeas. "O accidente fronte ás costas galegas foi fundamental para incluír ao transporte marítimo no ámbito de aplicación do regulamento, algo que inicialmente estaba fóra do texto", afirmou Aagesen tras a última reunión do Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE.
Quen paga a factura ambiental?
Un aspecto crítico foi a falta de claridade sobre a responsabilidade da limpeza dos ecosistemas afectados. Organizacións ecoloxistas e comunidades pesqueiras esixiron que os operadores asuman os custos asociados ao desastre. Mentres, o Goberno de España peléxase coa armadora para que pague os custos do rescate.
Con todo, a ausencia dunha regulación específica sobre o transporte de pellets dificultou asignarlle responsabilidades legais á armadora ou aos donos da carga do Toconao, deixando as tarefas de limpeza e mitigación nun limbo financeiro e operativo, asumindo as diferentes administracións públicas a factura. É dicir, pagou, outra vez, o conxunto da sociedade e non os causantes da contaminación.
Mentres se agarda a aprobación definitiva da normativa, o debate segue aberto. As novas medidas tamén buscan simplificar os trámites administrativos para o sector industrial, buscando un equilibrio entre seguridade da produción e transporte coa viabilidade económica dos axentes implicados.
Hai que ter en conta que este tipo de desastres non só afecto ao medio ambiente, senón tamén a modos de vida tradicionais e a economías sustentables, como a pesca artesanal de baixura en Galicia.
Hai que lembrar, por último, que a contaminación por microplásticos non só provén de pellets, senón tamén doutras fontes como pneumáticos, téxtiles/téxtís sintéticos e cápsulas de deterxentes. En todo caso, sn ano despois da vertedura do Toconao, a lección pendente: protexer os océanos require accións rápidas e normativas máis estritas, que, desgraciadamente, aínda están por concretar.
Escribe o teu comentario