Folga na CRTVG: externalizacións, presión ao persoal e medidores de son

Os traballadores e traballadoras da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (#CRTVG) están a levar adiante unha folga indefinida cuxo motivo é a externalización dun programa: 'O Termómetro'. Este substitúe ao magazine anterior, 'A Revista' de produción propia. Ante estes feitos, o persoal adscrito á radio e TV pública galegas decidiu denunciar o que consideran actitudes contrarias ao que é un medio público e plural


|

 


 


 

19ª Jornada De Paro Convocado Por El Comité Intercentros De La CRTVG
19ª Xornada De Paro Convocado Polo Comité Intercentros Da CRTVG


 


 

Os e as traballadoras da CRTVG iniciaban o 4 de outubro a primeira folga indefinida na historia deste medio. O motivo está na contratación dun magazín matinal que co nome de 'O Termómetro' substituía ao anterior programa de produción propia 'A Revista'. Mediante paros parciais de 11:00 a 13:30 horas e sempre en luns, mércores e venres, os traballadores vanse turnando para realizar os paros que desembocarán en dúas folgas de sete horas e media o sábado 30 de novembro pola tarde, ademais de haber convocado unha manifestación en apoio aos medios públicos ese día. O 1 de decembro pola mañá farase folga sete horas e media pola mañá. O venres 13 de decembro será cando 'O termómetro' realizará a súa última emisión en 2024. A partir de aí, a persoal espera que a dirección da CRTVG tome unha decisión sobre a continuidade ou non deste programa, diso dependerá tamén a continuidade dos paros ou o seu cesamento definitivo.

 

 

 

 


 

O TERMÓMETRO

A Corporación audiovisual autonómica galega decidía iniciar unha nova “aventura” cun programa matinal de actualidade. Até ese momento e por case trinta anos, este labor era realizado polo magazine 'A Revista', cuxos traballadores e traballadoras pasarían a engrosar o cadro de persoal do novo formato. E é que 'O Termómetro' é unha coprodución entre a CRTVG e dúas produtoras privadas, Setemedia S.L., e O Papaventos TV filial de La Cometa TV e que á súa vez forma parte dun grupo máis amplo: Eurostar Mediagroup. Este grupo está dirixido por Rosa María Díez Fernández, quen fose asesora de Mariano Rajoy por oito anos na súa etapa de ministro no goberno de José María Aznar.
 

A coprodución de 'O Termómetro' supón un desembolso de diñeiro público destinado a empresas privadas. Estas encárganse de pór a condutores e condutoras do programa así como a creación de contidos mentres que pola súa banda, a Corporación pública realiza os labores de realización e edición. 'A Revista' incluíase nos servizos informativos, programas que non poden ser externalizados, pero coa chegada do novo programa as cousas cambiaron e “esta é a pinga que colma o vaso” sinalan fontes da CIG.

 

Por outra banda, o Comité Intercentros, órgano de representación de traballadoras e traballadores, resaltaba o excesivo custo de 'O Termómetro'. Nunha nota informativa do Comité sinálase que os 65 programas contratados por CRTVG custarán 1.040.000 euros en total, a razón de 16.000 euros por programa, “5.000 euros máis por hora do que custaba 'A Revista'” indican desde UGT. 

 

 

 


 

#CRTVG NON NEGOCIA FOLGAS “POLÍTICAS”

O persoal non nega que detrás da folga tamén está o temor á privatización dos medios públicos galegos. “Xa son 340 semanas de 'Defende A Galega' para evitar que radio e televisión autonómicas acaben en mans privadas” apunta a CUT. O temor aumentou nos últimos meses co anteproxecto de lei para reformar os medios públicos, un texto que suporía para os sindicatos do Comité, os partidos da oposición e para varios sectores profesionais dos medios, un maior control político sobre a CRTVG por parte da Xunta.
 

O anterior está detrás da actitude de non negociación por parte da Corporación co seu director, Alfonso Sánchez Izquierdo, á fronte. Non hai negociación posible. O persoal pediu aos responsables dos catro sindicatos do Comité (CIG, CCOO, CUT e UGT) chamar á porta de Sánchez Izquierdo para buscar unha saída, a resposta foi un 'non' total. O outro intento de levar á dirección a unha mesa para negociar foi recorrer ao Consello Galego de Relacións Laborais, órgano vinculado á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. A resposta, outro 'non'. “É a primeira vez que CRTVG rexeita a mediación deste organismo” sinalan desde a CUT. O motivo alegado pola Corporación é que a folga actual non responde a criterios laborais senón políticos.
 

No que respecta ao persoal do programa e que forma parte da Corporación, non das produtoras, os paros vanse realizando mediante rotación durante as horas de emisión facendo rotacións entre o persoal que segunda a folga. Pero o feito de que a dirección non vexa esta folga como “laboral” fai que se estean realizando presións sobre os e as traballadoras, apuntan desde o Comité. Desde enviar a un técnico que mida os decibeis dun megáfono usado polo persoal en folga para comprobar que non supón un risco laboral, até a acción disciplinaria sobre traballadores que exerceron o seu dereito á folga. 

 

 

 


 

Incoáronse dous expedientes a senllos membros do persoal de 'O Termómetro' alegando entre outra motivos “falta grave por deslealdade”. Un dos afectados era un produtor que foi enviado á quenda de tarde. Con todo, o Xulgado do Social número 2 de Santiago ordenou a restitución ao seu posto na quenda de mañá ao produtor sancionado. Outros expedientes caeron sobre traballadores e traballadoras vulnerables polo modelo de contratación baixo o que actúan.

 

A externalización de programas supón pór en perigo os postos de traballo do persoal propio da CRTVG. A medida que se poida ir delegando a produción de programas en produtoras exteriores baleirarase de contido o labor do persoal propio. Por este motivo, desde o Comité parará a folga o día 13 de decembro e esperará á decisión que tome a Corporación de seguir ou non con 'O Termómetro'.
 

Galicia Press púxose en contacto coa CRTVG non recibindo resposta no momento da publicación desta reportaxe.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE