O PP nega sobrecusto do Hospital de Vigo a pesar de que Contas conclúe que o houbo, de 470 millóns
Construír con capital privado o Hospital Álvaro Cunqueiro supúxolle á Xunta 470 millóns máis de que se o houbese construído da maneira habitual, pondo a capital a Xunta. Isto é o que deixou meridianamente claro o informe do Consello de Contas de Galicia, que forma parte da propia Administración Autonómica. Con todo, hoxe o portavoz do PP non tivo reparos en tergirversar as conclusións dos contables públicos chegando a mentir abirtamente ao asegurar que o informe "non fala de sobrecusto", palabra que aparece media ducia de ocasións nun informe que conclúe, ademais, que coa vía tradicional -sen tirar de capital privado- "poderíanse alcanzar resultados similares a un menor custo".
O portavoz do PPdeG no Parlamento, Alberto Pazos defendeu que o informe do Consello de Contas sobre o contrato da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo "non fala de sobrecusto", senón "do custo aparellado á súa construción e ao seu financiamento".
Este é o que di textualmente o informe do Consello de Contas. "En termos económicos, a alternativa da licitación da obra por unha banda e a licitación de contratos de servizos por outra, é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían alcanzar resultados similares a un menor custo. A diferenza estimada entre o importe da proxección de pagos de ambas as alternativas é de 382.234.537 euros (sen IVE) e de 470.469.422 euros (con IVE)".
A preguntas dos medios este venres en rolda de prensa sobre a petición da oposición de convocatoria da Deputación Permanente da Cámara galega para que o presidente da Xunta compareza para "dar explicacións" sobre o contrato do Cunqueiro, o portavoz popular ha querido "aclarar" que o informe "non fala de sobrecusto, fala do custo que supuxo para a sanidade galega construír un hospital novo, que era o que necesitaba Vigo".
Un hospital, dixo, do que están "enormemente orgullosos" e que ten "un custo aparellado á súa construción e un custo aparellado ao seu financiamento, pero non un sobrecusto", insistiu.
"O que se establece nese informe é unha comparación entre dúas posibles fórmulas para financiar un hospital e deixa claro que a fórmula de financiamento directo con cargo a diñeiro público non era posible naquel momento sen que se producisen graves recortes que tanto critica habitualmente a oposición". Esta argumentación do político tampouco é precisa. O ningún momento o Consello de Contas sinala que serían necesarios "graves recortes", aínda que si fosen necesarios investir menos noutras áreas: "A licitación da obra baixo a modalidade anterior esixiría a renuncia da Administración á execución de gasto corrente ou doutros investimentos para cumprir o obxectivo de déficit aos efectos de estabilidade orzamentaria".
Cuestionado polas críticas da oposición, Couñado dixo que "deberían pór de acordo en si pretenden unha cousa ou a contraria, pero sorber e soprar ao mesmo tempo, unha especialidade da esquerda galega, é algo que os galegos non conseguen entender".
Escribe o teu comentario