Brigadistas denuncia precariedade extrema e comida insuficiente
O malestar crece entre os traballadores do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galicia, que acusan á administración de desatender as súas necesidades máis básicas durante as longas xornadas de extinción de lumes. A CNT fixo pública unha nota de protesta na que denuncia condicións que cualifican de indignas e perigosas para a saúde e a seguridade das brigadas.
Precariedade e falta de recursos marcan o día a día dos equipos que combaten os incendios forestais en Galicia. Segundo a denuncia do sindicato CNT, os traballadores do SPIF apenas reciben un bocadillo e un litro de auga para afrontar xornadas que poden superar as doce horas, ao que hai que engadir os desprazamentos desde as bases até os focos dos incendios, moitas veces a grandes distancias. Esta situación, que se repite especialmente nos períodos de alto risco, agrava o cansazo e a exposición ao perigo de quen están en primeira liña.
A desatención da Xunta cara a estes profesionais foi sinalada como un factor que incrementa a dureza do seu labor. O sindicato sostén que a administración non só incumpre a normativa laboral e de seguridade, senón que somete aos brigadistas a un trato que cualifican de humillante e degradante. O menú diario, insuficiente para a esixencia física da tarefa, é un dos exemplos máis claros desta precariedade, argumenta.
Caos organizativo e falta de persoal
Nos últimos meses, o caos organizativo foi outro motivo de protesta. Segundo a CNT, a aplicación de novos acordos laborais provocou o desdobramento de cuadrillas, deixando a moitas delas sen xefes e con apenas un ou dous bombeiros forestais por equipo. A falta de cobertura de baixas e vacantes obriga a realizar desprazamentos entre distritos para cubrir os incendios, o que, segundo o sindicato, compromete a eficacia e a seguridade do dispositivo.
A falta de medios humanos tamén afecto ao uso de vehículos motobomba, xa que a escaseza de condutores impide operar moitas das unidades dispoñibles. Cando se producen varios incendios simultaneamente, a capacidade de resposta do SPIF queda ao límite, o que incrementa a presión sobre os traballadores e pon en risco a protección dos montes galegos.
Desde a Xunta, en cambio, anunciáronse medidas para mellorar as condicións laborais, como a ampliación progresiva dos contratos de seis a nove meses para o persoal laboral e a convocatoria de novas probas físicas para acceder ao servizo, así como a renovación de equipos e vehículos. Con todo, algúns sindicatos consideran que estes avances non son suficientes para garantir a dignidade e a seguridade dos profesionais do SPIF.
Esixencias de melloras e recoñecemento
O recoñecemento da experiencia e a traxectoria dos bombeiros forestais é outra das reivindicacións do colectivo. Os traballadores denuncian que os procesos selectivos actuais non valoran adecuadamente os anos de servizo e a especialización adquirida en campañas anteriores, o que xera incerteza e desmotivación nun sector crave para a protección do medio rural galego.
Escribe o teu comentario