Intervencionismo: o perigo sobre os medios públicos que a UE busca evitar
O 17 de xullo Pedro Sánchez propuxo usar o Regulamento Europeo de liberdade de medios para unha “rexeneración” nos medios de comunicación. E é que o xefe do Executivo quere frear os “desmáns” dalgúns grupos e medios que considera están a facer dano tanto á súa xestión como á súa persoa. Entre outras medidas propón que os medios sinalen a procedencia de axudas, fondos, etc., que lles permiten seguir en marcha. Moitos puxeron o berro no ceo
A partir do mes de agosto de 2025 será obrigatorio o cumprimento do Regulamento Europeo de Liberdade de Medios. Este documento, entre outros, busca a non intromisión ou intervención dos gobernos sobre os medios, sobre todo os públicos, para que poidan emitir unha información veraz e sen censuras. Que os xornalistas non poidan ser presionados para non informar sobre determinados asuntos ou para revelar as súas fontes e, sobre todo, que os medios públicos non sexan obxecto de utilización política por parte dos poderes políticos. Tamén se deben fixar criterios para a elección e cesamento dos cargos directivos de médiaos de titularidade pública. En tal caso, Pedro Sánchez buscou dar un golpe de temón no que se refire á “política mediática” en España.
PASOS CARA ATRÁS
“O Regulamento da UE alerta dos pasos cara atrás que se están dando en varios países como é a intromisión dos gobernos nas liñas editoriais ou no traballo xornalístico dos medios públicos” di Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). En canto aos medios privados, buscaríase unha maior transparencia en canto a fondos públicos relacionados a publicidade institucional.
O principal temor é que se dean situacións de presión sobre os medios públicos e estes non poidan exercer un labor informativo sen intromisións. Esta intromisión prexudicaría ao medio sempre que iría alterando a súa liña editorial, isto daría unha maior vantaxe a outros medios que si poden actuar sen estar sometidos a presión. “Non habería unha competencia en igualdade de condicións cos demais medios privados”.
Na súa intervención do 17 de xullo no Congreso, Sánchez propuxo que o público teña acción ás vías de financiamento dos medios (privados), “o nome dos seus accionistas e as cifras de audiencias de forma honesta para evitar fraudes no investimento publicitario". Con todo, e volvendo insistir, o Regulamento sobre o que di basear o presidente do Goberno é un documento pensado para os medios públicos. Aínda así, “os medios privados non deberían ter medo en sinalar a procedencia dos seus ingresos” sinala Regueira. Aínda así, non son moitos os que comparten esta visión de Sánchez.
CULTURA DEMOCRÁTICA E MEDIÁTICA
“Os medios públicos debesen estar lonxe de calquera influencia gobernamental” apunta Regueira. Para garantir este punto estímase necesaria a creación dun organismo regulador, no caso español Sánchez propuxo a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), algo co que non están de acordo no CPXG. “Consideramos necesario un organismo específico que siga a aplicación deste regulamento”.
Con todo, sería necesario fomentar unha cultura democrática e mediática entre o público, os poderes públicos e os partidos políticos para que se vexa que é posible levar adiante un proxecto de control e transparencia sobre medios públicos. Esa cultura democrática implicaría tamén o feito de poder debater criterios para outorgar axudas públicas.
Por último, o regulamento tamén fai fincapé na protección do e da xornalista para que non se poida exercer presión sobre eles. Mesmo en cuestións como a espionaxe aos mesmos mediante diversas técnicas (ciberespionaje entre elas). A pesar diso, a presión existe en diversos medios da profesión.
O último exemplo de tentar presionar a profesionais e medios públicos é a proposta do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que obvia moitas das previsións da lei de 2011 sobre medios públicos galegos. Esta última estivo quince anos sen aplicar e agora Rueda pretende mesmo exceder aqueles aspectos máis transparentes da lei nada no primeiro mandato de Feijóo. Ao final, a proposta do actual presidente da Xunta transcendeu o territorio galego e xa suscitou a protesta da Federación de Asociaciónes de Xornalistas de España (FAPE).
Escribe o teu comentario