Hórreos galegos: máis que unha bonita estampa

Os hórreos foron elementos consustanciais ao desenvolvemento agrario en Galicia. Fóra de tópicos e estampas, estas construcións falan por si mesmas dun sistema que buscaba preservar colleitas e alimentos cando isto era tarefa case imposible. De pedra, lousa ou madeira, en bloques de granito ou de cachote, as diferentes variedades son o reflexo dunha forma de adaptarse ao terreo e aos seus condicionantes.


|

Cabalo con hórreo, Foz
Cabalo con hórreo, Foz

A existencia de celeiros en Galicia púidose rastrexar en diferentes castros. Destes celeiros ou 'horrea' actualmente só quedan as bases de pedra pois as súas paredes, normalmente construídas con varas entrelazadas, sucumbían ao paso do tempo. Aínda así, acháronse 'horrea' romanos e prerromanos cuxos propósitos eran os mesmos: gardar colleitas e alimentos. Esta mesma función desenvolvérona ata finais do século XIX e principios do XX, cando o número destas construcións chegara a ser suficiente para os labores de preservación e máis tarde foron substituídos por novos sistemas refrixerantes e de almacenamento. Con todo, houbo particulares que construíron hórreos con materiais contemporáneos como cemento, ladrillo ou formigón, dándolles a mesma forma que os existentes na súa área e o mesmo fin como celeiros e despensas.

 

 

Desde cando existen?

 

“Desde antes de Cristo” sinala con seriedade Carlos Regueira, autor do libro Atlas de hórreos de Galicia publicado en 2017. E é que a presenza de almacéns para o gran e outros produtos esténdese no tempo polo menos ata o Neolítico. Regueira sinala que diferentes escavacións en castros permitiron aflorar diversas mostras de 'hórrea” das que só se conserva a base de pedra. Estas formas poderían gardar relación coas formas dos “cabazos” ou “hórreo de corres”. Estes están feitos de elementos flexibles como son varas de vimbia ou faixas de madeira de castiñeiro. O teito adoitaba ser de xesta.

 

Hu00f3rreo Cantigas Santa Maru00eda
Hórreo Cantigas Santa María

 

No caso dos hórreos galegos, Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da 'Asociación pola defensa do patrimonio cultural galego', subliña que sistemas de almacenamento máis modernos e parecidos aos actuais hórreos xa se coñecían nos séculos XV e XVI en Asturias, León, País Vasco e Cantabria. O hórreo galego tradicional que coñecemos hoxe en día nace a partir dos séculos XVII e XVIII, aínda que tamén se construíron máis durante os séculos XIX e XX. Este mesmo modelo de construción pasou alén da fronteira asentándose en Portugal, chamados “espigueiras”.
 

“Na zona de Bergantiños seguiuse construíndo hórreos con materiais modernos. Estas construcións están catalogadas por posuír valor arquitectónico e etnográfico”, apunta Fernández Coto. A forma actual, a rectangular, pódese observar no libro Cantigas de Santa María de Alfonso X 'O Sabio', onde unha miniatura dese libro mostra uns monxes diante dunhas construcións moi similares ao hórreo contemporáneo.


 

Materiais e tipoloxías
 

Tanto Fernádez Coto como Regueira explican que a composición do chan e variables como o clima, inciden na morfoloxía do hórreo que reflicte o aproveitamento dos materiais que conforman a fisonomía xeolóxica do lugar. Así, nas áreas atlánticas e de Mariña Occidental adóitase usar granito na súa construción. En áreas que van de Mondoñedo ata Ribadeo úsase laxa en cachotería. Na área da montaña lucense e en áreas do interior de Ourense o material máis usado é a madeira debido á menor pluviosidade destes lugares. “Aínda así, a madeira acaba deteriorándose co paso do tempo e a súa conservación é máis difícil” apunta Regueira.

 

Tamén se adoita convinar o uso de diferentes materiais como son lousa e tella para o teito, aínda que se poden atopar exemplares con laxa de granito. A madeira pode usarse como base para o piso sobre o que se cravan táboas. Aos costados é habitual en áreas como o norte de Galicia, colocar de forma vertical longos e estreitos listóns de madeira ancoradas ao teito ou ás columnas mediante o seu cravado a outros listóns horizontais.

 

Hu00f3rreo en Furelos Melide
Hu00f3rreo en Furelos Melide

 

A diversidade de materiais tamén fomenta a diversidade de formas e estilos á hora de construír. Así os tipos Mondoñedo e Ribadeo usan a lousa como material principal na súa construción, ás veces cunha argamasa cubrindo toda a construción no caso de que non se use madeira. Nestas áreas é frecuente ver esgrafiados exteriores nos hórreos o que demostra para Fernández Coto a importancia que tiña esta construción, ás veces case máis importante que a propia vivenda.

 

Por outra banda están os hórreos que Regueira denomina “tipo Cervo”. Están construídos a base de grandes bloques de granito sobre bases de pedra que ás veces adoitan ter un “recheo” de cascotes recubertos de argamasa. Colócanse listóns de madeira aos lados, os teitumes usan lousa azul, tella e pedras nos extremos para que o vento non levante o teito, pois nesta zona o vento de Nordés adoita ser moi forte. O hórreo de madeira de “tipo asturiano” adoita usar como base principal a madeira e a palla ou rematal para o teito. Adóitase ver na montaña lucense limítrofe con Asturias.

 

Hu00f3rreo tipo Cervo en San Cibrao  A Mariu00f1a
Hu00f3rreo tipo Cervo en San Cibrao  A Mariu00f1a

 

“O hórreo é unha construción popular, non había arquitectos de renome detrás, eran mestres “horreiros” quen transmitía o saber para a súa construción” destaca Fernández Coto. Isto puido contribuír a que os aprendices do mestre fosen transmitindo a mesma forma nunha comarca durante moito tempo consolidando un estilo propio para determinadas zonas. Así, no caso do horreo tipo Ribadeo, pódese observar a ambos os dous lados da ría do Eo por influencia, quizais, dos mesmos mestres horreiros, algo que tamén puido pasar aos dous lados do Miño.

 

A día de hoxe esta construción agraria segue sendo un elemento distintivo do campo galego. Por outra banda, a necesidade de poder conservalos vólvese difícil ante circunstancias como o abandono rural, a especulación ou o simple e directa derriba dos mesmos así como a súa venda para quen queira ter un hórreo de adorno na súa casa. En tal caso, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece que estas construcións son BIC e por tanto, suxeitas a interese de conservación.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE