Besteiro viaxará a Bruxelas para abordar os recortes que "quere impor o PP" nos fondos de cohesión
O obxectivo do líder dos socialistas galegos é "sinalar a importancia de abrir unha interlocución directa cos órganos comunitarios nos que se están xestando as políticas que afectan directamente aos sectores primarios"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, iniciará este luns unha viaxe de traballo a Bruxelas cando dá inicio o debate do Marco Financeiro 2028-34. En concreto, o líder dos socialistas galegos centrará a súa axenda nunha serie de encontros sobre "os asuntos fundamentais para os galegos e galegas", como vivenda, pesca, mocidade, industria ou medio ambiente.
Segundo detallou o PSdeG nunha nota de prensa, a viaxe comezará o luns cunha reunión de traballo co embaixador permanente de España ante a UE, Marcos Alonso, para analizar o debate do marco financeiro que comeza o mércores "e no que o PP quere impor un recorte drástico aos fondos de cohesión, a Política Agraria Común e aos fondos de pesca, fundamentais para Galicia".
Ao día seguinte, o martes, Besteiro continuará a súa axenda institucional cunha serie de reunións cos comisarios de Equidad intergeneracional, Mocidade, Cultura e Deporte, Glenn Micallef; e de Defensa e Espazo, Andrius Kubilius.
Así mesmo, manterá un encontro coa presidenta do Grupo de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo, Iratxe García - Pérez, e os representantes da Delegación Socialista Española no Parlamento Europeo, entre os que se atopa o europarlamentario Nicolás González Casares. Finalmente, ese mesmo día manterá reunións de traballo cos responsables da vicepresidencia executiva para a Estratexia Industrial da UE.
O mércores comezará a xornada cun debate con González Casares sobre os recortes propostos polo PP europeo no Marco Financeiro para os anos 2028-34, continuará con varias reunións de traballo cos responsables de Medio Ambiente e Vivenda, e finalizará cunha reunión co vicepresidente do Parlamento Europeo, Javier López.
Con todo, o xoves manterá dúas reunións co Comisario de Pesca e Océanos, Costas Cadis, e a vicepresidenta executiva para a Transición Limpa, Xusta e Competitiva, a socialista Teresa Ribera. Todo iso co obxectivo de "sinalar a importancia de abrir unha interlocución directa cos órganos comunitarios nos que se están xestando as políticas que afectan directamente aos sectores primarios galegos".
Escribe o teu comentario