Altri altera a política galega sen que de momento se aclare cal será a súa actividade real
As instalacións que a firma portuguesa Altri busca construír en Palas de Rei xa encenderon os enfrontamentos entre os tres grupos parlamentarios galegos. Iso si, as posturas parecen abarcar as diferentes gamas de cores en canto a posicións, desde o apoio total do goberno en funcións da Xunta á oposición frontal do BNG e a postura “medioambientalista” apuntada polo socialista José Ramón Gómez Besteiro
A construción da factoría de Altri en Palas de Rei está obrigando ás forzas políticas galegas a levantar barricadas para defender as súas posturas. Desta forma, temos o indiscutible e férreo apoio do actual goberno en funcións presidido por Alfonso Rueda (con toda probabilidade futuro presidente da Xunta na nova lexislatura). Fronte ás posicións da Xunta co apoio do PPdeG está o BNG que fai súas as reivindicacións de plataformas cidadás e ecoloxistas, mostrando unha oposición tan inamovible como a de 'populares' e Xunta. Por último, o PSdeG-PSOE en boca de José Ramón Gómez Besteiro, insisten na necesidade de cumprir coa lei “escrupulosamente” en materia ambiental sen entrar a valorar as posturas das outras dúas forzas políticas.
BESTEIRO: “RESPECTO ESCRUPULOSO” AO MEDIO AMBIENTE
O portavoz parlamentario do PSdeG e candidato á Secretaría Xeral da formación, José Ramón Gómez Besteiro, presentaba o 22 de marzo os seus avais para ser candidato á secretaría xeral do PSdeG. Na rolda de prensa posterior, preguntado polo proxecto de Altri, Besteiro eludía manifestarse sobre as posturas tanto de PPdeG como BNG pero si fixo fincapé na necesidade do “respecto escrupuloso” á contorna ambiental e resaltaba os cambios anunciados pola compañía sobre a idea inicial dunha fábrica de lyocel.
Besteiro remarcaba estes cambios como se lle fixesen sospeitar do transfondo real detrás do proxecto. "Hai cousas que parecen distintas do que se dixo nun principio", lembrando que "ía ser unha fábrica téxtil ecolóxica" e "agora parece que ten unha parte importante de celulosa". O mesmo sucede cos postos de traballo pensados nun principio, de 1.500 empregos a 500 (tres veces menos).
Por outra banda, o portavoz socialista manifestaba a necesidade de coñecer a viabilidade da planta. Reclamou á Xunta anunciar "canto está disposta a achegar" ao proxecto despois de declaralo estratéxico, tamén reclamou ao executivo aínda en funcións explicar "se a viabilidade (da planta) vai pasar por financiamento e subvencións públicas ou vai ter viabilidade propia".
Besteiro foi cuestionado sobre as protestas veciñais rexistradas na última semana. O político socialista respondeu manifestando o apoio do PSdeG-PSOE aos proxectos industriais pero cun "respecto escrupuloso" aos requisitos ambientais autonómicos, estatais e europeos, pois o proxecto entra na repartición de fondos europeos. Aínda así, Besteiro insistía en que "o que nos ocupa e nos preocupa" é o cumprimento dos requisitos ambientais por parte das iniciativas empresariais.
BNG, REXEITAMENTO ABSOLUTO A “OUTRA CELULOSA”
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, deixaba clara a postura da súa formación: un rexeitamento frontal ao plan de Altri en Palas de Rei, pois se trata de “unha bomba ambiental no corazón de Galicia”. Ademais disto, Rodil manifestaba que "estamos ante unha gran mentira que non ten nada que ver co que se anunciou”. A isto engadía que en realidade “non queren instalar unha planta de fibras téxtiles, queren unha planta de celulosa o triplo de grande que Ence en Pontevedra”.
Nunha comparecencia realizada o 21 de marzo, Rodil anunciaba o apoio dos nacionalistas ás “mobilizacións sociais” e realizar unha “ofensiva” contra os plans de Altri mediante alegacións en concellos e parlamentos incluíndo o europeo. Todo iso porque a documentación que Altri presentaba no seu momento non describía un plan de “economía circular”. Ao revés, é un exemplo de “industria de enclave” para exportar materia prima. “Unha fábrica contaminante que non queren en Portugal”.
E é que ademais, os nacionalistas recriminan ao PP estar detrás da paralización da área Rede Natura en Serra do Careón, unha paralización efectiva “desde 2011 polo PP”. Ante isto, o BNG pregunta se este freo á Rede Natura “fíxose para vender os recursos naturais” e lembra que a UE “avisa desde hai anos” á Xunta que amplíe dita Rede.
Se non fose pouco, para o BNG, Altri supón unha ameaza aos recursos híbridos da comarca porque necesitará captar “46.000 metros cúbicos de auga ao día”. Desa cantidade, a 80% da auga usada nos procesos fabrís irán ao río Ulla, que "xa ten uns índices de contaminación moi elevados" e cuxo final está na ría de Arousa. Rodil engade ademais o redobre da “eucaliptización de Galicia” afectando á actividade gandeira e ao Camiño de Santiago, fonte de ingresos por turismo.
Finalmente, a deputada nacionalista acusaba ao PP de "traballar para beneficiar ás empresas amigas" como Greenalia ou Navigator quen ten nos seus consellos de administración a antigos cargos da Xunta como a exconselleira Beatriz Mato.
RUEDA E O RECURSO “A OUTROS PROCEDEMENTOS”
Finalmente, o presidente galego en funcións, Alfonso Rueda, non descarta que a Xunta faga expropiacións de terreos en Palas de Rei co obxectivo de facilitar a instalación de Altri, aínda que, facendo un xesto de diplomacia, prefire que o proceso de compra sexa por "acordos voluntarios".
As palabras do pontevedrés realizadas este xoves 21 de marzo, tiñan como transfondo as protestas veciñais e de colectivos ambientalistas en oposición á construción da fábrica. Rueda sinalaba respectar as voces críticas aínda que descoñecía o "detalle" do procedemento de compra dos terreos. A estratexia polo momento é “esperar”. "Non sería a primeira vez que houbese que recorrer a outros procedementos", apuntaba Roda en alusión ás expropiacións.
Sobre as posturas contrarias a Altri, Rueda pedía non realizar "opinións apriorísticas" que "a diario" din "sempre non a calquera cousa que se poida facer", algo procedente do BNG, e que fai perder “moitas oportunidades" que logo "outros territorios aproveitarán". Por outra banda, o presidente en funcións apuntaba que a Administración autonómica "nunca" autorizaría unha iniciativa que non cumpre "estritamente con todos os requisitos de carácter ambiental, ecolóxico, técnico e normativo".
E finalmente, Rueda non perdía ocasión de acusar ao Bloque e ao PSdeG de facer "demagoxia" e "oportunismo" con este tema. Hai dous anos estas forzas votaban no Parlamento galego a favor dunha iniciativa pola súa implantación -o texto aprobado dicía "preferentemente" na comarca da Mariña, aínda que finalmente isto non foi así-. Para Rueda, o "cambio de postura" da oposición e os seus alcaldes en concellos próximos a Pas débese a un "interese electoral", en función de "que é o que máis lle convén". No lado contrario están os 'populares', “coherentes” e que cren que cando se argumentan ben as cousas “deben saír adiante e, se non, non”.
Escribe o teu comentario