VÍDEO | Sen sorpresas na Deputación de Lugo: Carmela López, presidenta con votos de PSOE, BNG e José Tomé

Aínda que se especulou co voto negativo do expresidente, finalmente a alcaldesa de Burela dirixirá o ente provincial.


|

Carmela Depu Lugo
Carmela López | Imagen: Deputación de Lugo

 

A alcaldesa de Burela, a socialista Carmela López, foi elixida este mércores como nova presidenta da Deputación de Lugo cos votos do PSOE, do BNG e do integrante do grupo mixto, o expresidente da institución José Tomé.

A rexedora contou co apoio de todos os deputados socialistas e do Bloque Nacionalista Galego, así como do propio José Tomé, que avanzou ao comezo do pleno que se sumaba á proposta do Grupo Socialista.

Na sesión os populares apoiaron ao seu propio candidato, o portavoz do PP na institución provincial, Antonio Ameijide.
 


Deste xeito, socialistas e nacionalistas dan continuidade ao acordo de goberno que mantiñan na institución provincial ata que a principios do pasado mes de decembro o que era presidente, o aínda alcalde de Monforte José Tomé, renunciou á Presidencia e saíu das filas socialistas tras ser denunciado por suposto acoso sexual a través da canle interna que para iso habilitou o Partido Socialista.

Carmela López logrou manter a unidade no Grupo Provincial Socialista e lograr o respaldo dos tres deputados provinciais que encabezaron unha candidatura alternativa a Tomé nas primarias que o PSOE de Lugo celebrou á Secretaría Xeral.

A alcaldesa de Burela prometeu "pola súa conciencia e honra cumprir fielmente" as obrigacións da Presidencia da Deputación de Lugo, con "lealdade" a Rei, á Constitución e ao Estatuto de Autonomía de Galicia.
 


Tras tomar posesión do cargo, no seu primeiro discurso, Carlema López asegurou asumir Presidencia desde a igualdade e manifestou que chega ao cargo grazas ao camiño feito por moitas mulleres e homes para que "cada vez haxa máis mulleres na política".
 

Carmela Depu Lugo
Carmela López | Imagen: Deputación de Lugo


"A miña experiencia como alcaldesa, o cargo máis fermoso que se pode alcanzar en política, ensinoume a gobernar con capacidade de diálogo, accesibilidade e empatía, pero tamén con firmeza e criterio propio", destacou.

Todo iso nunha intervención na que puxo en valor o traballo do goberno bipartito na institución e subliñou tamén a súa "estabilidade". Ademais, agradeceu a confianza mostrada nela polo PSOE, á que asegurou que responderá con "compromiso e servizo público".
 


Ao pleno asistiu tanto o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como a presidenta dos populares de Lugo, Elena Candia.

Antes de arrincar o pleno, PSOE e BNG avanzaban a súa intención de apoiar a candidatura que encabeza a alcaldesa de Burela, mentres que o portavoz do PP, Antonio Ameijide, volveu cualificar de "pacto da vergoña" o acordo.

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE