Canto custa ás empresas as ausencias dos traballadores? Vieites mantén o pulso polo absentismo
"Hai quen confunde absentismo con ter dereitos", censura.
O absentismo laboral volve estar no centro do debate en Galicia. O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (#CEG), Juan Manuel Vieites, cargou contra a situación durante a xornada do Observatorio CEO sobre capital humano celebrada en Ourense, cualificando de "alarmantes" os datos de traballadores que non acoden diariamente ao seu posto, e alertando de que as consecuencias resultan "#insosteible" tanto para a Seguridade Social como para o tecido empresarial. Segundo cifras que manexa a patronal, máis de 1.100 persoas en Galicia atópanse cada día nesa situación.
A comunidade galega presenta unha das taxas de absentismo máis elevadas do Estado. Segundo datos de Randstad, Galicia pechou 2025 cunha taxa do 8,6%, por encima da media nacional, coa industria á cabeza cun 9%.
Desde a pandemia, o absentismo xeral na comunidade escalou do 5,6% ao 8,4%, e o relativo a incapacidade temporal creceu preto dun 60%. O custo directo para as empresas galegas supera os 780 millóns de euros anuais, e rolda os 850 millóns para o sistema da Seguridade Social.
A Xunta ANUNCIA UN PLAN INTEGRAL
Vieites subliñou tamén a importancia de reforzar a atención primaria para acurtar listas de espera que, segundo a patronal, prolongan artificialmente as baixas, e reclamou unha revisión dos procesos de incapacidade temporal con criterios obxectivos e maior coordinación entre o sistema sanitario, as mutuas e as empresas. O presidente da CEG celebrou o anuncio realizado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o Debate sobre o Estado da Autonomía, no que avanzou un programa integral de control das baixas, con foco especial en patoloxías musculoesqueléticas e de saúde mental leve, e con maior protagonismo das mutuas privadas.
O conselleiro de Emprego, José González, precisou que o plan non pretende tachar ás persoas traballadoras de defraudadoras, senón establecer un marco de diálogo entre empresarios e sindicatos. Segundo González, a presentación do programa producirase no prazo de dous meses, tras a aprobación do correspondente decreto de diálogo social no Consello da Xunta. O conselleiro lembrou, ademais, que boa parte do marco legal que regula as baixas depende do Goberno central e do Instituto Nacional da Seguridade Social.
Os SINDICATOS, NA OUTRA TRINCHEIRA
A reacción dos sindicatos non se fixo esperar. Desde a CIG, o seu representante Paco Sío tachou a Rueda de "vasallo da patronal", mentres que desde Comisións Obreiras, Armando Igrexas sinalou que as medidas pon o foco nas persoas traballadoras "cando o problema non está aí".
As centrais sindicais relacionan a duración das baixas coa deterioración da sanidade pública galega: a falta de investimento produce listas de espera que se alargan, e Comisións fala de deixamento do empresariado respecto da saúde laboral, mentres a CIG alerta de que a redución de orzamentos en prevención de riscos laborais deixa ás empresas con menos inspección.
Os sindicatos tamén sinalan o envellecemento do persoal galego —un de cada catro traballadores supera xa os 55 anos— e unhas xornadas laborais por encima da media europea como factores que explican o aumento da sinistralidade e as baixas.
Un informe do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) mostrou que en 2025 os accidentes laborais con baixa creceron un 1,5% en Galicia, e o avance do Ministerio de Traballo sinala que a subida galega de sinistralidade foi a segunda máis pronunciada de todas as comunidades.
Vieites insistiu en que non se debe confundir o dereito lexítimo á baixa coa fraude, admitindo que son "cuestións diferentes". Con todo, a posición de empresarios e Xunta abre un debate que, segundo os sindicatos, corre o risco de criminalizar a quen enferman. O diálogo social anunciado pola Xunta será a proba de lume para saber se as distintas partes logran pór de acordo sen, como pide o propio Vieites, recorrer ás "trincheiras ideolóxicas".
Escribe o teu comentario