A Xunta activará as primeiras axudas para os afectados polos incendios a próxima semana
Alfonso Rueda confirmou a posta en marcha das axudas, pero mantén á comunidade no nivel 2 de alerta.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que a próxima semana haberá unha reunión extraordinaria do Consello da Xunta, que se celebrará en Ourense, para habilitar as primeiras axudas destinadas a zonas afectadas polos incendios en Galicia e reclamou ao Goberno a incorporación inmediata dos efectivos "solicitados e comprometidos".
"Non poden chegar a contagotas. Agradecemos o que xa chegou e esperamos que chegue hoxe mesmo o comprometido", manifestou Rueda na comparecencia de prensa tras a primeira reunión para estudar estas axudas, onde sinalou que polo momento, con "aínda moitas hectáreas ardendo", non se pode facer unha estimación da contía, pero asegurou que a Xunta "estará á altura" e pediu a todas as administracións a mesma "celeridade".
Así, detallou que a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) realizará a avaliación dos danos para que as diferentes consellerías poidan proceder a facer as súas convocatorias e aprobalas no Consello previsto a próxima semana para "que se abra o prazo de petición".
Ademais, defendeu que "non é necesario" que o Goberno galego solicite o nivel 3 de emerxencia porque, segundo destacou, non achegaría máis medios.
"Se o nivel 3 supuxese máis achega de medios e fose necesario para que se achegasen eses medios, eu non tería ningunha dúbida, pero non é necesario. Onte mesmo o presidente do Goberno dicía que vai atender todas as solicitudes; estamos no nivel 2, así que sería incomprensible que se estivesen reservando medios", expuxo.
Escribe o teu comentario