Santiago replica que o non da Xunta á zona de vivenda tensionada é político, non técnico
O goberno de BNG e Comopstela Aberta acusa o executivo autonómico de seguir as directrices do PP estatal, que indicou que poría paus nas rodas ás medidas como esta, contemplada nunha Lei de Vivenda aprobada polas esquerdas coa que non está de acordo.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ve unha "clara intención política" na decisión da Xunta de dar por desistida a solicitude do Concello de declarar a capital como zona de mercado residencial tensionado.
Con todo, a rexedora avisa que o seu goberno "non desiste nin vai desistir" para conseguir esta declaración que permitiría limitar a subida dos alugueres.
Nun audio remitido aos medios, Sanmartín critica que a resposta da Xunta chegase "antes á prensa", a través dun comunicado, "que ao Concello". Isto, ao seu xuízo, "demostra unha clara intención política" e que ao PP "non lle interesa que se conteñan os prezos do aluguer" na cidade, pero advirte que "a principal vítima" é a poboación compostelá.
En concreto, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (#IGVS) deu por desistida a solicitude porque o goberno local non ofreceu unha "resposta válida" ao requirimento de emendar e completar a documentación.
A alcaldesa destaca que a Xunta "non pode denegar" a declaración de zona tensionada porque Santiago cumpre os requisitos e que o que fai é "deixar nas pavías" o procedemento, xa que agora o Concello debe volver presentar a súa solicitude.
Escribe o teu comentario