Os servizos sociais de Galicia son débiles, desvelan xerentes e directores
O país está por baixo da media estatal no investimento en servizos sociais. Esta é unha das conclusións do informe que todos os anos publica a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais
Galicia sitúase, xunto a Castela-A Mancha, Baleares, e a Comunidade Valenciana, como as Comunidades Autónomas que contan cuns servizos sociais "débiles", segundo o Índice DEC, elaborado pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais.
Segundo o mesmo informe, preto de 20 millóns de persoas --o 42% da poboación española-- vive en comunidades autónomas con Servizos Sociais "débiles ou irrelevantes".
O estudo indica que Galicia ocupa o posto número 13 na clasificación das Comunidades Autónomas no desenvolvemento do seu Sistema Público de Servizos Sociais.
O tres indicadores de relevancia económica do Sistema melloran en Galicia en 2023 respecto ao ano anterior, segundo o estudo. En concreto, as Administracións Públicas de Galicia --Comunidade, Deputacións e Concellos-- incrementaron un 15,3% o seu gasto en servizos sociais, pasando de 465,1 euro por habitante a 536,3.
Con todo, segue por baixo da media estatal que foi de 548,1 euro. Ademais, Galicia destaca por encima da media estatal nos Centros de día para persoas maiores, cunha cobertura de 2,57% sobre persoas maiores de 75 anos, fronte a 2,22% da media estatal, así como en acollementos familiares para menores, que en Galicia representan o 61,6% do total, e na media estatal o 47,8%.
Aínda así, no resto de prestacións ou servizos, Galicia atópase por baixo da media estatal, por exemplo na dotación de profesionais da súa rede básica de servizos sociais, cun profesional por cada 2.064 habitantes en Galicia, sendo a media estatal un por cada 1.572 habitantes.
Ou tamén no Servizo de axuda a domicilio para persoas maiores, cunha cobertura do 8,58% sobre maiores de 75 anos, sendo de 11,51% a media estatal. Ou, entre outras, nas prazas residenciais para persoas maiores, con 4,67% de cobertura sobre persoas maiores de 75 anos en Galicia, fronte a 5,89% de media estatal.
DIFERENZAS ENTRE CCAA
Segundo o informe, presentado este luns, Madrid, Cantabria e Murcia teñen uns Servizos Sociais "irrelevantes", seguidas de Castela-A Mancha, Galicia, a Comunidade Valenciana e Baleares, cuns Servizos Sociais "débiles".
Pola contra, Castela e León e o País Vasco teñen, segundo o Índice DEC, uns Servizos Sociais "medio altos" e Navarra, "medios".
Estas diferenzas poden supor, segundo os autores do estudo, que os habitantes dunha comunidade reciban a resolución da valoración da dependencia en dous meses e noutra teñan que esperar oito meses ou até un ano.
En todo caso, o presidente da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, José Manuel Ramírez, destacou que "claramente os datos melloran" e os Servizos Sociais "consolídanse neste país como o cuarto alicerce do Estado de Benestar".
Escribe o teu comentario