Besteiro pide “rearmar” ideoloxicamente ao PSdeG na inauguración do XV Congreso do partido

O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, comezou cun recordo á alcaldesa de Lugo, falecida a semana pasada, para aludir ao legado histórico dos e das militantes que traballaron na defensa dos valores da socialdemocracia cando fan 100 anos da morte do fundador do partido, o ferrolán Pablo Iglesias


|

 

Besteiro congreso
Besteiro congreso


 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu hoxe en Santiago o XV Congreso do PSdeG co obxectivo, dixo, de “rearmarnos para dar respostas” e situar ao partido no camiño do cambio en Galicia. Así o dixo na inauguración do gran encontro dos socialistas galegos, no que tamén interveu o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e secretario de Xustiza do PSOE, Félix Bolaños.

 

O líder dos socialistas galegos comezou cun recordo á alcaldesa de Lugo, falecida a semana pasada, para aludir ao legado histórico dos e das militantes que traballaron na defensa dos valores da socialdemocracia cando fan 100 anos da morte do fundador do partido, o ferrolán Pablo Iglesias. Reivindicou Galicia como berce dun socialismo que hoxe se presenta “orgulloso, con fortaleza, ilusión e vontade decidida de gañar a confianza da cidadanía”.

 

Anunciou que no encontro que comeza hoxe “reafirmaremos o noso compromiso social para fortalecernos e representar con firmeza ao Partido Socialista que será capaz do cambio en Galicia” apoiado no “proxecto, equipo, traballo, lealdade e unidade” e aberto ás achegas da sociedade. reivindicou a forza municipalista dos socialistas que están a pór a política ao servizo da cidadanía como mellor representación da “Galicia que Pode”, en alusión á lema do XV Congreso.

 

Contrapuxo á Galicia “pequena en transparencia, pluralismo e dereito á información, e por tanto deficitaria en democracia plena”, condenada á “resignación” que representan Feijóo e Rueda, coa Galicia do orgullo e a ambición que “connosco, non se resigna”. Reclamou “máis Europa, máis Galicia, máis socialismo e máis esquerda que pode”, que identifica os problemas da xente e ofrece propostas para solucionalos.

 

Sinalou que fronte ao problema da vivenda os socialistas defenden un Banco Público de Aluguer, e fronte á deterioración da sanidade, propoñen recuperar un servizo público fortalecido que garanta Atención Primaria nun máximo de 48 horas. Reclamou reforzar a protección das persoas vulnerables e maiores “sen desarraigamento e sen antepor o interese empresarial por diante do seu benestar”.


 

Do barco á praia privada

 

Besteiro subliñou que “temos dereito a unha Galicia mellor” e sinalou a débeda coas persoas que traballan no mar e na terra no “país anfibio” do que fala o escritor e xornalista Manolo Rivas que, para Feijóo e Rueda, significa “pasar do barco á praia privada en Moaña”.
 

Reclamou unha Galicia que “reclama protexer o seu territorio de empresas sen control”, e que cree no impulso ordenado das enerxías renovables para garantir un desenvolvemento saudable e sostible mentres para o PP de Feijóo e Rueda “a única emerxencia climática chámase Altri”.
 

A escasos días da reunión de Rueda co xefe de gabinete do ultra Milei, criticou o “negacionismo histórico” dun Feijóo a quen a historia lle aburre e define a Guerra Civil de “pelexa de avós”. Advertiu que “o pobo que esquece a súa historia está condenado a repetila”, e alertou que a falta de memoria prepara a chegada da ameaza “real e crecente” das forzas ultranacionalistas e reaccionarias.
 

Lembrou a recente declaración da Illa de San Simón como Lugar de Memoria “para impedir que o noso pasado sexa secuestrado e escondido”, como mostra do “combate” contra á dereita “desatada e sen complexos” á que os socialistas comparan “con acción política e denunciando as súas mentiras.


 

Avanzar, avanzar e avanzar

 

O líder dos socialistas galegos anunciou que con este Congreso comezarán “foros de participación permanente” nos que os socialistas canalicen “a voz dos veciños e das veciñas e dos territorios” para fortalecer un “partido imparable”. Reivindicou “equipos preparados para os novos tempos”, e anunciou un impulso á formación dos cadros do partido que permita “avanzar, avanzar, avanzar e avanzar” cara ao cambio que “comeza aquí”.
 

Puxo como exemplo as “metas que nos dixeron que eran imposibles”, o goberno do Concello de Lugo do que formou parte e que comezou con 5 concelleiros ou a renovación nas deputacións de Lugo e a Coruña. Destacou o goberno do concello da Coruña, de Vilagarcía, as alcaldesas socialistas da Costa da Morte, os gobernos socialistas no que fora “bastión” de Fraga no goberno de Vilalba, as sucesivas maiorías absolutas no Concello de Vigo ou renovar o goberno no Estado.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE