A nova lei de medios públicos de Galicia, centro do primeiro pleno do Parlamento en 2025
Tamén se abordarán as conclusións da comisión posta en marcha para investigar os contratos da Xunta durante a pandemia, co grupo Eulen e o custo da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
O primeiro pleno da Cámara galega deste 2025 acollerá debates clave para a política galega, como a nova lei de medios públicos de Galicia e as conclusións da comisión posta en marcha para investigar os contratos da Xunta durante a pandemia, co grupo Eulen e o custo da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A cita, que terá lugar os días 28 e 29 de xaneiro, arrincará co debate da totalidade do proxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, unha norma á que a oposición avanzou o seu rexeitamento por considerar que "supón un ataque frontal ao pluralismo e á liberdade de información" e que o PP defende que evitará situacións de "interinidade indefinida" na dirección da corporación.
Tras iso se sustanciará o debate das conclusións da comisión posta en marcha no Parlamento de Galicia para investigar os contratos da Xunta durante a pandemia, con o grupo Eulen e o custo da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Ademais, o pleno incluirá compareceraa o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, para abordar a cobertura de formación de man de obra cualificada en sectores estratéxicos.
Na sesión de control, a líder do BNG, Ana Pontón, preguntaralle sobre as "privatizacións" na área sanitaria de Vigo tras a manifestación celebrada o pasado 16 de xaneiro na cidade; mentres que o portavoz parlamentario del PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, interpelaralle sobre as desigualdades que, segundo denuncian os socialistas, "provocan os recursos nos servizos públicos".
OUTRAS INICIATIVAS
Ao pleno os socialistas levarán unha moción para reclamar á Xunta un novo modelo de residencias de maiores públicas e de calidade e incluirá dúas proposicións non de lei para que se remita ao Parlamento a proposta de creación da Fundación Pública da Ciencia de Galicia, así como para garantir a xestión directa do Centro de Atención ás persoas con discapacidade de Ourense, un asunto que tamén incluirán os nacionalistas.
Ademais, o PSdeG presentará dúas preguntas orais sobre as listas de espera no Hospital Álvaro Cunqueiro e a caída da produción marisqueira nas rías galegas, así como unha interpelación sobre a problemática que afecta o sector lácteo e a necesidade de construír un foro de colaboración e escoita co sector.
"CASTELAO, PRIMEIRO PRESIDENTE"
Pola súa banda, o BNG defenderá unha incitativa para o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia e impulsar a reparación da súa figura coa anulación do expediente de responsabilidades políticas ao que foi sometido, a súa rehabilitación como funcionario público e o recoñecemento do carácter "ilegal e inxusto" da incautación dos seus bens e obras polo fascismo.
O BNG, que avanzou que a sanidade centrará o traballo de face ao próximo pleno, interpelará ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sobre as medidas postas en marcha polo Sergas con motivo do Plan Galego de Saúde Invernal.
Os nacionalistas, así mesmo, reclamarán un modelo de coidados que garanta o dereito das persoas "antes que o negocio dun puñado de empresas" a través dunha moción para reclamar a xestión pública das residencias. Ademais, defenderá unha proposición non de lei para demandar a xestión pública directa do citado (CAPD) de Ourense.
INICIATIVAS DOS POPULARES
En fronte, o Grupo Popular presentará unha proposición non de lei para, ademais de insistir na transferencia da AP-9 a Galica, reclamar ao Goberno que libere a peaxe do tramo Vigo-Porriño desta autoestrada para mellorar a seguridade da A-55 e propoña novas alternativas ao novo trazado proposto da autovía das Rías Baixas pola "grave afección" que, segundo sinalan, esta iniciativa provoca nas parroquias de Vigo e Mos.
Os populares tamén pedirán á Xunta e ao Executivo estatal medidas orientadas á repotenciación de parques eólicos antigos que supoñan unha mellora medioambiental e garantan un uso eficiente dos recursos.
Ademais, formularán dúas preguntas orais ao Goberno galego. A primeira delas está relacionada coa situación das autoestradas de titularidade estatal, de forma que pide a valoración da Xunta sobre a subida de peaxes que se executou a principios de 2025. Pola súa banda, a segunda ten como obxectivo coñecer as melloras incorporadas pola Xunta no programa galego de cribado neonatal.
Escribe o teu comentario