'A forza deste País', a lema do BNG para este 25 de Xullo

A campaña foi presentada pola responsable de Organización, Lucía López, e o responsable de Comunicación, Xavier Campos


|

BNG 25 XULLO
#BNG 25 XULLO


 

O BNG presentou este sábado en Santiago a campaña deste 2024 para o 25 de xullo, Día de Galicia, que celebrarán baixo a lema ‘A Forza deste País'.

Baixo esta campaña inclúense múltiples actos por toda Galicia que confluirán o 25 de xullo nunha multitudinaria manifestación que, como é tradicional, sairá ás 12 horas da Alameda compostelá.

A campaña foi presentada pola responsable de Organización, Lucía López, e o responsable de Comunicación, Xavier Campos, que convidaron á participación nos actos "de todas as persoas que comparten o desexo dunha Galicia viva, forte, xusta e con futuro nun contexto especial e no mellor momento da historia do BNG", polos resultados alcanzados nos dous últimos procesos electorais.

"Somos unha nación viva, dinámica e activa. Somos unha nación con forza e o BNG é a forza política deste país", afirmou Campos para explicar o dobre sentido da lema, que o BNG afronta desde unha perspectiva "inclusiva, ampla e integradora".

"Hai moitas formas de sentir galegos e todas elas son necesarias para construír a Galicia mellor que queremos, porque Galicia é a nación que compartimos e que facemos día a día desde a diversidade", reivindicou.

Campos dirixiuse así á maioría dos galegos "que teñen Galicia na cabeza e no corazón" e recalcou que o do BNG é un proxecto "con vocación de ser maioritario e hexemónico".

Lucía López, pola súa banda, fixo unha chamada á participación nos actos "dunha data referencial no calendario na que expresamos a nosa vontade irrenunciable de que Galicia poida exercer os seus dereitos nacionais e a necesidade dun novo marco político que dote á nosa nación de soberanía e capacidade de decisión propia, coa que adoptar políticas en beneficio do pobo galego".

A responsable de Organización explicou que, ademais da gran manifestación de 25 de xullo , o programa do Día da Patria incluirá múltiples actos polas comarcas, cunha importante axenda de encontros, en cuxa organización participan tanto as distintas agrupacións da forza nacionalista como a base social e militante, "que constitúe unha parte imprescindible na configuración do BNG", apuntou.

GRAN MOBILIZACIÓN NACIONAL
Pola súa banda, Lucía López destacou o escenario no que se desenvolve a campaña deste ano, un contexto de "declive socioeconómico" e cunha "ofensiva de espolio dos nosos recursos e de destrución do territorio".

Referiuse así ao "espolio eólico", a "destrución do río Ulla e da ría de Arousa coa megacelulosa que Altri quere implantar en Galicia" ou a reapertura da mina de Touro-O Pino.

"Todos eles son exemplo das agresións ás que está a ser sometida Galicia cun goberno do PP á fronte da Xunta que actúa de promotor ou comercial dunhas multinacionais que só veñen esquilmar os nosos recursos, pasando por encima das galegas e galegos que habitamos este territorio, e adoptando decisións contrarias aos intereses do pobo galego", criticou.

A responsable de Organización do BNG fixo referencia tamén ao contexto internacional, "marcado por unha perigosa escalada bélica que ten o seu reflexo máis cruel no xenocidio contra o Pobo Palestino".

É por iso que López cualificou a mobilización de 25 de xullo como a "manifestación na que confluirán todas as causas xustas que están en loita agora mesmo neste país e todas as causas xustas da humanidade".

Así mesmo, e respecto da manifestación, anunciou que será unha "gran mobilización nacional en defensa de Galicia e do dereito da nación galega a ser e existir en pé de igualdade cos demais pobos do mundo".

A manifestación finalizará na Praza da Quintana cun acto no que intervirá a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, así como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE