Os socialistas de Chantada rexeitan a instalación de Altri en Palas de Rei
A agrupación chantadina ve que o proxecto afectará tanto ao medioambiente como ao Camiño de Santiago
A agrupación socialista de Chantada declárase en contra de Altri. Segundo os socialistas chantadinos, a presenza desta planta industrial pon en risco a viabilidade dun sector rural con gran peso, sobre todo de explotacións agrogandeiras e forestais, ademais de afectar a outro dos motores económicos e patrimonio sociocultural da zona como é o Camiño de Santiago.
Segundo explican nunha nota de prensa, un proxecto como o de Altri "impide que haxa hectáreas dispoñibles para aumentar a base territorial das granxas, compromete o cumprimento dos requisitos para a produción de alimentos e resta recursos hídricos á explotación". Tamén apuntan a que afecta o sector forestal, ás industrias da zona e mesmo aos comercios e hostalaría. A planta influirá sobre a poboación xeral cun cambio climático que cada vez sente con máis forza. Por outra banda, "supón un consumo enerxético que só se poderá paliar aumentando o número de parques eólicos".
Segundo o PSOE de Chantada, “a empresa prometera nun primeiro momento 2.500 empregos, agora xa só din 500. Ademais, xa somos coñecedores de que se trata dunha celulosa pura e dura, co que iso supón”, alertan.
Os socialistas de Chantada cren que se debe esixir que os fondos europeos que ían destinados a Altri destínense a proxectos industriais na comarca que sexan máis respectuosos co medio ambiente e que creen empregos de calidade. "A solución para o desemprego e a falta de oportunidades na zona non debe ter como prezo o noso medio natural".
Escribe o teu comentario