O barco con pellets que contaminan Galicia non é o que dixo a Xunta, é o Toconao, bandeira liberiana pero dono alemán
O 'Toconao' - e non 'Tocano' como informou por erro a Xunta- ten pavillón liberiano, o seu armardora está radicada en Bermudas pero a empresa propietaria é unha naviera fundada por un alemán con domicilio fiscal en Chipre. Un barroco armazón empresarial que desvela Galiciapress e que, unha vez máis, permite ter dúbidas de que o responsable da contaminación acabe pagando os danos.
O comunicado da Xunta do 5 de decembro informou que o buque responsable da vertedura de pellets que arrasa as praias do Barbanza e outras partes de Galicia chamábase Tocano. Non é certo, chámase Toconao e é un buque con
bandeira de Liberia, armadora das Bermudas, empresa que é unha filial dunha gran empresa radicada en Chipre, propiedade dun armador alemán.
Os datos sobre a naviera á cal pertence o Tocanao apuntan a que pode ser unha tarefa ardua esixirlles responsabilidades. Hai que sinalar que algúns alcaldes xa informaron que avogados dos armadores chamáronlles para prometerlles que pagarán os gastos. Visto os precedentes do Prestige, está por ver.
Tocano, que é o nome que figuraba na nota de prensa da Xunta de onte, non figura como nome de ningún navío na base de datos da Organización Marítima Internacional (OMI-IMO en inglés), segundo comprobou hoxe Galiciapress.
O buque que si figura nas bases da OMI é o 'Toconao' e navega baixo pavillón -e por tanto baixo as leis- de Liberia, unha das “bandeiras de conveniencia” que usan os armadores para aforrar gastos e escapar das inspeccións máis rigorosas doutros estados.
Galiciapress contactou esta mañá coa a Xunta de Galicia para informarlle da inexistencia dun buque chamado Tocano. Rapidamente, desde o goberno autonómico admítese o erro e transmítese telefonicamente a este medio que se produciu unha “errata” e en realidade o barco chamábase 'Toconao'. Aínda así, o nome errado xa saltou onte aos medios despois do comunicado do goberno galego. Este mediodía na web da Xunta de Galicia o erro foi corrixido, tras a chamada de Galiciapress.
Quen paga os danos?
De novo, un incidente de contaminación na costa galega é responsabilidade dun buque cuxos donos están detrás dunha maraña de empresas, bandeiras e nacionalidades.
No caso do Toconao, achámonos ante un portacontedores, ao que onte se apuntou desde algúns medios que era polaco. Isto é un erro. Polaca é a empresa que fabricou os pellets que están a chegar ás praias galegas pero loxicamente a empresa fabricante dos pellets non é a responsable da vertedura.
A consulta ás bases de datos da OMI sinalan que o buque Toconao foi botado en 2013 e o seu pavillón é liberiano. A armadora chámase POLAR 3 LTD e está radicada no paraíso fiscal das Illas Bermudas.
Na ficha da OMI, a dirección postal de POLAR 3 LTD especifica que está representada por Columbia Ship Management, empresa situada na capital chipriota de Limassol (21 Spyrou Kyprianou Avenue, Yermasoyia, 4042 Limassol – Cyprus). O fundador e propietario desta empresa, segundo figura na súa web, é o alemán Heinrich Schoeller e o CEO Mark Ou’Neil.
Segundo figura en portais de seguimentos de buques como Vessel Finder, o Toconao acaba de facer unha singradura entre un porto alemán e outro marroquí. Esta ruta levaríalle fronte a Fisterra e explicaría a contaminación que soportam Galicia e outras zonas do norte de España.
Como sucedeu co Prestige, España enfróntase a un potencial envurullo á hora de esixir responsabilidades económicas, dado que este barroco armazón empresarial facilita “pasar a pelota” dunha compañía a outra.
Coas achegas de Manuel Vilas e Ramón Mariño.
Escribe o teu comentario