IGV: “Pola mañá poñen publicidade de volve ao rural e pola tarde estamos sen médico”

Interior Galego Vivo (IGV) é unha agrupación dunha ducia de candidaturas locais de pequenos concellos. Nas pasadas eleccións municipais, sacaron uns 15 edís e na súa inminente asemblea decidirán que facer nas autonómicas. Este é un dos temas desta entrevista con Antom Fente, mestre e militante de Por Chantada. A polémica do lobo, unha fiscalidade específica para o rural, o pacto de investidura e a falta de servizos públicos nas aldeas e vilas son outros dos temas desta conversación.


|

Antom Fente en una imagen de Interior Galego Vivo
Antom Fente nunha imaxe de Interior Galego Vivo


 

 

Vostedes culpan ao PSdeG e ao BNG de non ter en conta as necesidades do rural galego no seu pacto, pero ese acordo supón unha rebaixa relevante de Autoestrada Santiago - Lalín, que pasa por zonas rurais. En todo caso, qué medidas concretas botan en falta

Permítame, antes de máis, unha pequena apreciación, xa que non falamos do PSOE e do BNG en concreto, mais do conxunto de partidos con representación nas Cortes españolas, aínda que, efectivamente, fálame fillo e entédeme nora. A autoestrada Santiago – Lalín ten un prezo prohibitivo que mostra até que ponto o modelo público-privado, onde quen socializa as perdas é o público, é unha ruína, é o secuestro do estado polos fondos de investimento, é pór o contrato social patas arriba. Ao final, bonificar e non nacionalizar esas estradas significa que toda a cidadanía pague vía impostos mentres a empresa fai máis caixa... é xusto que os de Ríos ou A Mezquita bonifiquen estas estradas vía impostos mentres as súas parecen carrilleiras? Sería cuestión a debater porque o rural leva décadas financiando proxectos faraónicos aquí e acolá mentres a mocidade facía as maletas e se nos daban migallas.  

 

Bonificar e non nacionalizar esas estradas significa que toda a cidadanía pague vía impostos mentres a concesionaria fai máis caixa

 

Por outro lado, por zonas rurais tamén pasa o AVE, aínda que non pare nelas. Ese é precisamente o grande problema: o rural é ese espazo que fica entre cidade e cidade e que non sabemos que facer con el, fóra de entregarllo a multinacionais e fondos de investimento para que esquilmen os recursos sen repercusión positiva algunha na economía e na sociedades locais.  

 

Hoxe a principal política europea en volume de fondos europeos é a PAC cos seus dous piares, mais estivo totalmente ausente dos acordos e debates. Tampouco se enfocou a flexibilización da normativa comunitaria e a súa interpretación polo direito interno, de tal modo que beneficie as pequenas producións e non as obrigue a botar o candado. Non interesa que a xente teña formación política, só converter a política nun ruído constante onde se mobiliza a xente apelando ao estómago e non á razón.  

 

Medias concretas son moitas as que se poderían ter posto sobre a mesa, en síntese apurada: sentar os alicerces dunha fiscalidade rural axudando os sectores produtivos, a transformación e o I+D+I con Next Generation UE para deseñar un proxecto estratéxico e vertebrador que supere a concepción estreita de que o único futuro para o rural é comer turismo; precisamos un novo estatuto de autonomía onde a parroquia e o mundo rural conten; é impresdincíbel entender que a Eurorexión e a Raia Seca precisan dun pulo e que a Galiza debe mirar máis a Portugal e ao Atlántico e deixarse os complexos e o madricentrismo; as cabeceiras comarcais deben comunicarse mediante o tren como parte dunha descarbonización seria; puídose rachar a manipulación mediática da TVG reforzando a programación en galego da RTVE e recebendo dunha vez as canles portuguesas; impulsar un Erasmus rural centrado na formación para reforzar a estrutura e o tecido económico das comarcas do interior... Se IGV tivese unha persoa deputada o rural galego tería voz, iso con certeza. 

 

A consellería de Sanidade acaba de indicar que os 200 novos médicos que pensa contratar este ano para Atención Primaria non irán a Centros de Saúde porque a verdade é que agora mesmo xa é incapaz de cubrir as vacantes neses centros de saúde. En defintiva, que non haberá máis médicos para o rural. Como é a situación da Atención Primaria no rural? A que tempos de espera se teñen que resignar os que viven no rural

A Consellaría de Sanidade non ten vergoña na cara. A Xunta do PP leva recortado millóns de euros en sanidade, primeiro con Feijoo e agora con Rueda, cebándose con especial intensidade na contratación de persoal sanitario e na atención primaria. Aínda o pasado día 4 de novembro no meu concello, Chantada, a plataforma viciñal Chantada quere sanidade convocou unha mobilización que foi das máis concorridas que lembro na vila, aínda que nen o alcalde nen nengún membro do PP se dignou a aparecer a pesar de que levamos meses onde de seis médicos hai 2 ou 1 chegando a ficar o PAC durante un día sen nengún médico. No concello de Carballedo hai 4 edificios que foron ou son centros de saúde, contando o de Peares, e hai un médico se o hai. No Courel, en Antas ou no Saviñao as queixas teñen sido igualmente macizas e en Monforte de Lemos, Verín ou Valdeorras asistimos a un programado desmantelamento dos hospitais con cada vez menos especialidades e maiores listaxes de agarda.  

 

En consecuencia, hoxe no noso país hai unha sanidade de dúas velocidades: a das cidades, que con todos os problemas de masificación, aínda teñen hospitais con todas as especialidades e as do rural onde nen existe atención primaria nen hai xa unha atención hospitalar completa. Hai vidas en xogo nun e noutro lado, mais dálles igual. Que fan os pais de Carballedo ou Chantada se no seu centro de saúde non hai pediatra e tampouco nas urxencias de Lemos? Que fai a comarca de Monterrei se se suprime o paritorio? Favorecemos, entón o deserto demográfico, a demotasania, que é o baleiramento demográfico dun territorio por acción ou omisión e que no caso da Xunta é completamente programado e planificado: pola mañá campaña publicitaria de “volve ao rural” e pola tarde sen médico, sen pediatra, sen prazas na Galiña Azul ou con residencias e SAF precarizados e convertendo os coidados nun negocio. Rueda e os seus compinches son a versión moderna dos mercadeiros do templo. 

 

Unha das propostas que defenden é un réxime tributario especial para os que viven no rural. Como se artellaría? Poderían por algún exemplo concreto doutro lugar no que se estea aplicando

Na pasada lexislatura aprobamos na Corporación de Chantada unha moción de IGV sobre fiscalidade rural que indicaba algúns elementos1. Por pór un exemplo, demandábase aumentar a intensidade máxima das axudas que permite o Fundo de Transición Xusta da UE en Lugo, Ourense e Zamora atendendo ao índice de avellentamento, á dispersión poboacional e á demotanasia que sufrimos. Entendemos que se trata de territorios subvencionábneis de acordo co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) e que permitirían maiores axudas e fundos para o equilibrio territorial e a cohesión do mundo rural. 

Outro exemplo é a necesidade de que o Senado sexa unha cámara territorial que impulse un marco lexislativo que ancore o despregue dunha fiscalidade rural acompañada da reforma da PAC, como política para a agricultura familiar e non para a industria e os terratenentes, e da reforma do financiamento local que debe ter en conta a superficie, a dispersión e non a poboación unicamente.  

 

O nó central ao que calquera fiscalidade rural debería aspirar é ao dunha renda básica rural, como pago social pola xestión sustentábel e a garantía de soberanía alimentar que supoñen as comunidades rurais. A renda básica rural podería ser un bon ponto de partida e ensaio dunha renda básica universal e exemplo dunha fiscalidade distributiva e de progreso. Mentres non se chega a Ítaca hai cousas que xa se poderían estar facendo, como un réxime tributario rural onde se considerasen actividades de especial interese aquelas que son necesarias no rural, mais que son máis difíciles de soster: cantinas, perruquerías, librarías ou comercios ultramarinos son servizos esenciais en moitas áreas que sen exencións impositivas por especial interese da actividade desaparecen.  

 

Un dos temas rurais que máis está de actualidade nos medios é a expansión do lobo, cunha parte dos gandeiros acusando ao Goberno estatal unha norma que favorece o seu crecemento e advertindo que pode haber ataques a persoa. Hai alarmismo ou existe un problema real? É este un exemplo de como os 'urbanitas' lexislan sen ter en conta as necesidades do rural

 

Hai que ser serios. Fai falla máis ciencia na política e menos demagoxia. Hai 50 anos nas parroquias con presenza do lobo había poboacións rurais viva, con nenos que pastoreaban sós, menos luz e menos escopetas e unha presión moito maior sobre o lobo. Hoxe o risco de que haxa ataques ás persoas é moi remoto. Dito iso, o lobo e os gandeiros precisan o mesmo: coidar e ordenar o territorio. Cando se lexislou a recollida dos animais mortos nas explotacións a ningún burócrata de Santiago ou Madrid lle acordou que a fauna silvestre comía preas. Por que eses animais non se transforman en alimento desde a administración co que alimentar o lobo? Porque a Xunta non ten como o goberno Navarro un sistema de GPS para gandeiros que advirta das zonas de paso do lobo, avistamentos por SMS, etc.? É moito máis cómodo xogar ao tenis con Madrid cando goberna o PSOE que arremangarse e pensar en solucións para a túa xente. O rural, insistimos, non ten deputados, está orfo politicamente aínda que a rede caciquil que durante décadas implantou o PP oculte entre propaganda e complacencia a dura realidade. 

 

6295336

 

A Xunta e a UE está reaccionando as sentencias que paralizan parques eólicos con nova lexislación que simplifica, din, a súa aprobación, argumentando que o problema do cambio climático é de tal calado que hai impulsar por todos os medios e canto antes as renovábeis. Qué lles responderían

Diferenciaría a normativa da UE que procura acelerar a “economía verde” das medidas da Xunta, aínda que ambas respondan ao mesmo: a capacidade do lobby enerxético para comprar gobernos e ditar leis á medida, por un lado; e a ausencia de democracia na arquitectura comunitaria e tamén nunha Xunta que aprobeita a lei de acompañamento dos orzamentos para baleirar aínda máis o Hórreo, onde só quedan os ratos. A UE quere favorecer as enerxéticas e lexisla para elas, mais os proxectos de comunidade enerxéticas, a ordenación do territorio, etc. son claras marxes de manobra. No entanto, o PSOE en Madrid e aínda máis o PP en Santiago deciden que se aplique a normativa do xeito máis favorábel para o oligopolio eléctrico e a especulación. Resultado? Unha borbulla que converte os territorios do interior e as serras do noso país en territorios de sacrificio. A demisión de Antonio Costa e a sospeita arredor do litio e do hidróxeno verde debería facernos perguntar que pasa con Altri, con Rueda ou coas campañas de acoso e derribo de La Voz de Galicia contra os xuíces do TSXG. Candos o poderes despóticos novofeudais secuestran o estado parcial ou totalmente e controlan totalmente o relato público através do monopolio dos medios de comunicación a democracia está ferida de morte e vemos en directo o trumpismo cañí cuxo programa é o vello muerte a la inteligencia, viva la muerte, que se non è vero, è ben trovato.

 

Vostedes din que "o rural non ten deputados en Madrid" mais o certo é que hai deputados galegos que sí teñen raices rurales, por exemplo Ana Vazquez Blanco do PP de Ourense. Como argumentan logo a súa afirmación

Os deputados cuneros eran os que non tiñan arraigo na circunscrición pola que concorrían na I Restauración. O feito de ser do rural ou ter raíces nel non é aval de nada, xa que hai que ver que actividade parlamentar se fai. A deputada que vostede cita leva 12 anos vivendo do Congreso e alimentando a crispación e o trumpismo cañí. Pouco ou nada cando gobernaba o PP e absolutamente nengunha proposta centrada no rural ou en Bande, que historicamente foi unha cabeceira comarcal de primeira orde e hoxe encóntrase á cola en comunicacións e desenvolvemento... até hai quen di que a deputada se opuxo á mellora das comunicacións na OU 540 desde Verea até Portugal por Bande porque certo restaurante se vería perxudicado... De quen é a culpa entón? Do cha, cha cha. 

 

As agrupacións que colaboran en IGV sumaron unha ducia de concelleiros nas eleccións locais, o cal é un resultado relevante. Valoraron a posibilidade de que IGV se presente aos comicios autonómicos en solitario? No caso contrario, estarían dispostos a dialogar con algún dos grandes partidos para sumar forzas

Se as contas non me fallan son 15 concelleiros, realmente máis se contamos agrupacións próximas ou valorando a súa integración en IGV. Obtivemos uns resultados que melloraron moito os de 2019 a pesar da crecente polarización e que confirmaron que a implantación do territorio, a seriedade e o traballo diario dan os seus froitos aínda sen ter moita presenza nos medios nen dispor dos medios económicos das sucursais dos partidos dominantes. A xente está farta da vella política, mais precisa enxergar unha alternativa verdadeiramente confiábel que non os volva defraudar como tantas veces ten pasado. 

 

Celebraremos Asemblea este 18 de novembro en Chantada e aprobaremos o noso documento de alianzas, que non renuncia a que poidamos concorrer os diferentes comicios no ano 2024 sempre sobre a base de impulsar acordos amplos 
 

 

A maiores cómpre ter en conta que temos agrupacións que deciden non concorrer nas municipais polo desgaste en relación ao resultado que pode supor e prefiren traballar máis no ámbito social e en artellar unha base social suficiente para comezar a dotar de voz nas institucións ao rural. A pata social e a pata política daranse a mao na VI asemblea que celebraremos este 18 de novembro en Chantada e que aprobará o noso documento de alianzas que non renuncia a que poidamos concorrer a diferentes comicios no ano 2024 sempre sobre a base de impulsar acordos amplos e un programa de país onde o rural sexa o centro.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE